AD

Sin Categoría

Borja Verea pide á alcaldesa que deixe de ser “espectadora” ante o problema da vivenda

today2 octubre, 2026

Fondo
share close
AD
  • Propón modificar o PXOM, crear un Banco Público de Alugueiro e dar seguridade aos pequenos propietarios para aumentar a oferta de vivenda

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, asegurou hoxe que comprende e comparte boa parte da preocupación das persoas que protestan na Praza do Obradoiro polas dificultades para acceder a unha vivenda, pero reclamou á alcaldesa, Goretti Sanmartín, que aclare se a acampada indefinida está autorizada e que aplique as mesmas normas de utilización do espazo público a todos os cidadáns.

“O acceso á vivenda é un problema real en Santiago. Hai moitas persoas, especialmente mozos e familias, que teñen enormes dificultades para atopar unha vivenda a un prezo que poidan asumir”, afirmou Verea.

Por iso, mostrou a súa sorpresa ante a posición da alcaldesa, á que reprochou que actúe ante a protesta “como unha espectadora ou animadora, como se o problema non fose tamén con ela”. Verea lembrou que o actual Goberno leva máis de tres anos á fronte do Concello e considerou que debe explicar que fixo neste tempo e, sobre todo, cales son os resultados materiais da súa política de vivenda.

“Despois de máis de tres anos, hai máis vivenda? Hai vivenda a mellor prezo e de maior calidade?”, preguntou.

Verea diferenciou entre comprender as reivindicacións dos manifestantes e aceptar unha ocupación indefinida do Obradoiro. “Estamos falando do espazo máis representativo de Santiago, un espazo que compartimos todos os santiagueses, os peregrinos e os visitantes. Hai normas para utilizar o espazo público e esas normas teñen que ser iguais para todos”, sinalou.

Neste sentido, formulou catro preguntas concretas á alcaldesa: se a acampada está autorizada polo Concello e, de ser así, onde está esa autorización; se non está autorizada, por que o Goberno municipal a permite e se vai actuar para recuperar a normalidade no Obradoiro; se o Concello autorizou o uso por parte dos acampados de electricidade procedente do Pazo de Raxoi e quen tomou esa decisión; e, finalmente, cales son os resultados reais da política municipal de vivenda tras máis de tres anos de mandato.

“Se a acampada cumpre as normas, que o Concello o explique. E se non as cumpre, que actúe e aplique as mesmas normas que aplica a todos os santiagueses”, resumiu.

MÁIS VIVENDA E A MELLOR PREZO

Verea aproveitou a comparecencia para expoñer as principais medidas que impulsaría desde o Goberno municipal para aumentar a oferta de vivenda en Santiago.

En primeiro lugar, propón modificar o PXOM, aprobado en 2008, ao considerar que foi deseñado nun contexto de “boom inmobiliario” completamente diferente ao actual, no que Santiago afronta unha crise de acceso á vivenda.

“Santiago ten solo suficiente para medrar e hai unha demanda brutal de vivenda. Ninguén entende por que non se está construíndo vivenda a prezo asequible”, afirmou.

En segundo lugar, defendeu a creación dun Banco Público de Alugueiro, unha proposta que xa figuraba no programa do PP en 2023. O Concello alugaría directamente as vivendas, garantindo unha renda e seguridade aos propietarios, e disporía así dunha bolsa de pisos coa que desenvolver políticas municipais de vivenda.

Finalmente, Verea apostou por protexer e dar seguridade ao pequeno propietario para conseguir que máis pisos saian ao mercado do alugueiro. “Canto máis protexamos o pequeno propietario, máis pisos en alugueiro haberá en Santiago, máis pisos a mellor prezo e de maior calidade. Asustar ao pequeno propietario é un auténtico erro”, afirmou.

Verea reiterou que o PP comparte boa parte da preocupación existente pola vivenda, pero insistiu en que iso é compatible coa esixencia de cumprir as normas: “A responsabilidade dun goberno non é facer de locutor dos problemas, senón traballar para resolvelos”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *