Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 noviembre, 2025
Arzúa, 19 de novembro de 2025.- AECA pon en marcha a “Feira Neghra”, unha campaña especial de Black Friday anticipado que encherá de descontos e premios o comercio local o 22 de novembro. A iniciativa, na que participarán máis de 15 establecementos da vila, nace co obxectivo de incentivar as compras no pequeno comercio e ofrecer unha alternativa de proximidade ao consumo masivo das grandes superficies.
Este ano, a “Feira Neghra” celebrarase coincidindo coa feira quincenal de Arzúa, aproveitando o movemento de xente e o ambiente de rúa que xera este encontro comercial tradicional. Ademais, a xornada enmarcarase tamén no Festival Zona da Zanfona, que achegará música e cultura ao centro da vila, reforzando a idea de Arzúa como espazo vivo, dinámico e aberto á participación veciñal e visitante.
Ao longo do día, as persoas que merquen nos negocios adheridos á campaña poderán achegar os seus tickets de compra á praza e xogar á “Ruleta de AECA”, unha acción lúdica coa que se repartirán ata 500 premios directos entre a clientela.
“Queremos que a xente saiba que en Arzúa tamén se pode vivir un Black Friday diferente: cun trato próximo, coidando o tecido económico local e convertendo as compras nunha experiencia divertida, nun día no que o comercio, a feira e a cultura van da man”, sinalan desde AECA.
A Feira Neghra combinará descontos, promocións especiais e premios co ambiente da Feira quincenal e co programa do Festival Zona da Zanfona, convertendo o 22 de novembro nun día completo de compras, encontro social e cultura. A campaña busca, ademais, adiantarse ao Black Friday tradicional, concentrando o consumo na propia vila e evitando que a clientela teña que desprazarse a outras cidades ou centros comerciais.
Os establecementos participantes abranguen diferentes tipos de negocio, o que permite que as familias poidan atopar nun só día agasallos, moda, servizos, bricolaxe e pequenos electrodomesticos, sempre coa garantía e proximidade do comercio de Arzúa.
Desde AECA subliñan que este tipo de accións “axudan a visibilizar o esforzo dos pequenos negocios, que sosteñen emprego, dan vida ás rúas e manteñen acesa a economía local durante todo o ano, non só en datas sinaladas”.
AECA Arzúa anima a toda a veciñanza e visitantes a anotar na axenda o 22 de novembro, achegarse á feira quincenal, gozar do Festival Zona da Zanfona e gardar os seus tickets de compra nos establecementos adheridos para poder participar na ruleta e optar a varios dos 500 premios dispoñibles.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)