Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 abril, 2026
A iniciativa, organizada por Fotowalk Galicia, impulsada por Sergio García, en colaboración coa Concellería de Turismo de Arzúa, dirixida por Begoña Balado, combinou formación, visita guiada e percorrido por enclaves naturais e patrimoniais do municipio
Arzúa, 13 de abril de 2026.- Arzúa viviu este sábado unha destacada xornada arredor da fotografía e do descubrimento do territorio coa celebración dun encontro organizado pola comunidade creativa Fotowalk Galicia, impulsada por Sergio García, en colaboración coa Concellería de Turismo de Arzúa, dirixida por Begoña Balado. A cita reuniu participantes chegados desde distintos puntos de Galicia, consolidándose como unha proposta de gran acollida entre afeccionados e amantes da imaxe.
A actividade comezou cunha sesión formativa sobre fotografía de rúa, impartida por Joshua Ñañez na Casa de Correos, na que os asistentes puideron afondar en aspectos clave como a captura de momentos espontáneos, o uso da luz, a composición ou a importancia da narrativa visual.
A programación completouse cunha visita guiada polo casco histórico de Arzúa, que permitiu ás persoas participantes coñecer de preto a historia e o patrimonio da vila mentres aplicaban os coñecementos adquiridos durante a charla inicial. A xornada continuou cun percorrido por diferentes enclaves do concello, combinando natureza, etnografía e paisaxe en localizacións como o Castro Curbín, a aldea de Ribadiso, a Fervenza das Hortas, o encoro de Portodemouros, o Enredo do Abelleiro —Museo Vivente do Mel— e a capela da Fonte Santa.
A concelleira de Turismo, Begoña Balado, puxo en valor a excelente resposta da iniciativa e destacou que este tipo de propostas “contribúen a difundir Arzúa desde unha perspectiva atractiva e auténtica, unindo creatividade, patrimonio e territorio”. Ademais, subliñou que encontros como este permiten “compartir experiencias, xerar novas miradas sobre o concello e seguir situando Arzúa como un destino con moito que ofrecer durante todo o ano”.
Con esta iniciativa, Arzúa continúa consolidando a súa aposta por propostas que poñen en valor o seu patrimonio desde novas perspectivas, xerando novas miradas e contidos que amplían a súa proxección turística e cultural máis alá do propio territorio.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)