Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 abril, 2024
Arzúa, 9 de abril de 2024 – No día de onte, o Concello de Arzúa celebrou un Pleno ordinario no que se abordaron cuestións clave que están afectando o día a día da veciñanza. Entre elas, pola relevancia mediática que está a ter, está a aprobación por parte do pleno da corporación de presentar alegacións contra o proxecto de macrocelulosa de Altri, marcando unha posición clara do concello a favor da preservación do noso entorno natural e sectores económicos estratéxicos como a gandería e o turismo. A iniciativa aprobouse a pesar dos posicionamento en contra do Partido Popular.
Durante esta sesión plenaria, ademais de abordar a importante cuestión medioambiental, a corporación municipal tratou temas cruciais como a modificación de ordenanza da utilización de locais municipais, onde os aspectos clave son a redución de burocracia e a eliminación de fianzas para o uso de instalacións municipais, facilitando así a actividade do tecido asociativo do concello, e a derogación da ordenanza fiscal, que non se estaba a aplicar. Tamén se debateron mocións relevantes no ámbito da agrogandería e a sanidade, dando especial atención á problemática xerada pola falta dun servizo pediátrico no centro de saúde, situación que afecta negativamente na calidade de vida da infancia arzuá que está a verse privada dun dereito básico como o acceso a saúde pública.
A decisión de confrontar o proxecto de Altri xorde da profunda preocupación da veciñanza polo potencial impacto ambiental negativo que a instalación dunha planta de macrocelulosa podería provocar. “Queremos deste xeito reafirmar o compromiso do concello coa defensa e protección dos recursos naturais, o apoio aos sectores económicos estratéxicos para a economía local e garantir o benestar e a calidade de vida de todas e todos os arzuáns que non queren vivir entre polución e augas contaminadas”afirmou o alcalde, Xoán Xesús Carril.
Para máis información sobre as alegacións presentadas e outras iniciativas discutidas no Pleno, convidamos á cidadanía a consultar os detalles a través da nosa páxina web oficial e redes sociais.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)