Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 junio, 2026
Arzúa, 22 de xuño de 2026.- Arzúa prepárase para vivir mañá a noite meiga. A celebración volverá reunir veciñanza, visitantes e peregrinos arredor dunha programación na que non faltarán a música, a animación, a gastronomía e a tradicional queima do Castelo de Santa María, que este ano cumpre 27 anos de historia convertida nun dos sinais de identidade do San Xoán arzuán. A espectacular fortaleza, construída grazas ao traballo e á implicación da veciñanza durante meses, volverá ser a gran protagonista da festa.
Un dos momentos máis especiais da celebración será a recepción do peregrino ou peregrina escollido polos Cofrades de San Xoán de Santa María entre as persoas que cheguen durante a mañá ao albergue previamente seleccionado para esta edición. Será esta persoa a encargada de prender lume ao castelo durante a noite e de deixar o seu nome gravado para sempre no Muro dos Luceiros.
Ás 21:00 horas celebrarase a tradicional cea de San Xoán. Ás 22:00 horas terá lugar o pregón, que nesta edición correrá a cargo da compositora e cantante arzuá MJ. Pérez. A continuación, ás 22:30 horas, desenvolverase unha exhibición de esgrima histórica a cargo de Arte do Combate, seguida dun serán aberto para todas aquelas persoas que desexen participar.
O momento máis esperado da celebración chegará ás 00:00 horas coa tradicional queima do Castelo de Santa María. A festa continuará coa verbena amenizada polo grupo Alaska e DJ Chirimbolo, prolongando a celebración ata ben entrada a madrugada.
A concelleira de Turismo, Begoña Balado, destacou que “esta festa representa moi ben a identidade de Arzúa, porque combina o valor das nosas tradicións coa importancia que ten o Camiño de Santiago para o municipio”. A edil puxo tamén en valor “o enorme traballo e a implicación dos veciños e veciñas que, durante meses, fan posible a construción do castelo e manteñen viva unha tradición que forma parte da nosa historia”. Balado engadiu que “o recoñecemento aos peregrinos é unha maneira de agradecer a súa presenza e de compartir con eles unha celebración moi especial para a nosa vila”.
Co Castelo de Santa María xa preparado para a súa tradicional queima, Arzúa ultima os detalles dunha celebración que volverá converter a noite de San Xoán nunha experiencia única para veciñanza, visitantes e peregrinos.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)