Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 enero, 2024
5/01/2024.- Hoxe celebrouse a primeira Asemblea do ano, presidida polo alcalde de San Cristóbal de la Laguna, acompañado da alcaldesa de Santiago e vicepresidenta do Grupo, Goretti Sanmartín, na que se aprobou o Plan Operativo de Turismo e o orzamento do GCPHE para 2024, que inclúe a promoción nos principais mercados emisores internacionais. Entre as novidades para este ano, destaca un espectáculo de drons nas 15 cidades para celebrar o XXX aniversario do Grupo e un concerto extraordinario o día 8 de marzo na Santa Igrexa Catedral de La Laguna.
O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e alcalde de San Cristóbal de la Laguna, Luís Yeray Gutiérrez, presentou hoxe o Plan de Acción 2024, para a promoción das 15 cidades españolas co selo Unesco nos principais mercados internacionais de Europa, Estados Unidos e Canadá. A presentación deste Plan tivo lugar en FITUR, onde a alcaldesa de Santiago e vicepresidenta do Grupo, Goretti Sanmartín, xunto ao resto de rexedores e rexedoras das cidades membro celebraron a primeira Asemblea xeral do ano, na que se probou o orzamento de 2024 e o Plan Operativo de Turismo.
Luís Yeray Gutiérrez sinalou que «o Plan de Acción para 2024 vai situar a marca Cidades Patrimonio de España en Europa, América e Asia, con presenza nas feiras máis importantes do mundo como as de Bruxelas, ITB-Berlín, ILTM (International Luxury Travel Market) de Singapur e Asia Pacífico, JATA-Xapón, así como na World Travel Market de Londres, nun ano moi especial no que a nosa entidade celebra o 30 aniversario da súa creación».
Segundo sinalou o presidente, «tamén previmos a participación en xornadas técnicas en Xapón, Estados Unidos, China e presentacións técnicas e institucionais en Chicago e Toronto, ademais dos Emiratos Árabes. No caso de Centroeuropa, tamén realizaremos presentacións en Suíza e Irlanda».
Tamén lembrou que «este ano vai supor unha gran proxección para as Cidades Patrimonio como representantes da marca España, con accións de promoción dos 15 destinos con Turespaña a través das Oficinas de Turismo en todo o mundo».
A presentación do plan de acción contou coa presenza da vicepresidenta e alcaldesa de Santiago (Goretti Sanmartín); o vicepresidente segundo e alcalde de Segovia (José Mazarías), xunto aos alcaldes de Tarragona (Rubén Viñuales) e Salamanca (Carlos G. Carbayo), que forman parte da Comisión Executiva. Na Asemblea tamén participaron os alcaldes e alcaldesas de Alcalá de Henares (Judith Piquet); Ávila (Jesús Manuel Sánchez Cabrera), Baeza (Pedro Javier Cabrera), Cáceres (Rafael Mateos), Córdoba (José María Bellido), Cuenca (Darío Dolz), Ibiza /Eivissa (Rafael Triguero), Toledo (Carlos Velázquez) e Úbeda (Antonia Olivares).
A Asemblea aprobou a axenda dos principais eventos culturais e deportivos de 2024, así como o impulso a un calendario de actos con motivo da celebración do XXX aniversario do Grupo. A Súa Maxestade a Raíña dona Sofía presidirá o concerto extraordinario do Grupo o día 8 de marzo na Santa Igrexa Catedral de La Laguna.
Dentro do programa de eventos do XXX aniversario do Grupo inclúense espectáculos con máis de 200 drons adaptados a cada unha das 15 cidades; a creación do primeiro torneo de rugby nas Cidades Patrimonio e a creación dun programa de espectáculos en espazos singulares á luz das candeas, que contará con capacidade reducida, artistas locais e figuras destacadas do ámbito cultural.
Dentro da axenda institucional do Grupo, tamén destaca que as cidades de Úbeda e Baeza acollerán a próxima Asemblea, os días 24 e 25 de febreiro.
Esta tarde, o Grupo presenta o Plan Operativo de Turismo na caseta de Turespaña en FITUR, nun acto ao que asistirá a secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, ás 16 horas. O Grupo celebra tamén mañá venres en FITUR a primeira reunión da súa Comisión de Turismo e a presentación do Plan Operativo con Paradores.
Ademais, o alcalde de la Laguna e presidente do Grupo de Cidades Patrimonio, Luís Yeray Gutiérrez, recollerá o premio ao Mellor destino Turístico de España 2024, no marco de FITUR.
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España ten como obxectivo actuar de maneira conxunta na conservación, a posta en valor e a promoción turística das 15 cidades españolas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)