AD

Destacado

As Festas do Apóstolo redúcense a dez días con Julian Marley, Lila Downs e The Rapants como grandes reclamos

today14 julio, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Santiago presentou este martes o programa completo das Festas do Apóstolo 2026, unha edición que se desenvolverá entre o 22 e o 31 de xullo e que volverá apostar por unha programación diversa, inclusiva e dirixida a todos os públicos, combinando a cultura galega con artistas internacionais e propostas para todas as idades.

A programación musical abrirase o 22 de xullo co concerto da Real Filharmonía de Galicia na Praza da Quintana. Ao longo dos dez días de festas pasarán por este escenario nomes como Julian Marley (23 de xullo), Lila Downs e Belén Tajes na véspera do Día do Apóstolo, La Perra Blanco, Bebis de la Rosa, Eris Mackenzie, Xego e The Rapants, encargados de pechar os concertos o 31 de xullo. O programa completarase coas actuacións das orquestras Finisterre, Compostela, Tania Beiras e Los Cumbia Pop, Costa Dorada e Suavecito, ademais das Xornadas do Folclore, música de cámara, alboradas e os tradicionais Cantos de Taberna.

As festas incluirán tamén o ciclo Compostela Cinema, con proxeccións en distintos barrios da cidade; a festa infantil no parque de Galeras; espectáculos de baile; un show de luz sobre a fachada do Pazo de Raxoi os días 24, 25 e 26 de xullo e os tradicionais fogos artificiais os días 24 e 31, un dos momentos máis esperados da celebración.

No ámbito da accesibilidade e da igualdade, as atraccións da Alameda contarán con horarios inclusivos sen ruído os días 21, 28 e 29 de xullo, entre as 17.00 e as 19.00 horas, mentres que o Punto Lila permanecerá operativo do 22 ao 31 de xullo, de 20.00 a 01.00 horas, como espazo de información e prevención das violencias machistas.

Outro dos protagonistas da presentación foi o cartel anunciador das festas, obra da ilustradora compostelá Iria Aldeunde, que rende homenaxe ao artista Camilo Díaz Baliño, histórico autor dos carteis das Festas do Apóstolo. A proposta coincide co 90 aniversario do asasinato de Díaz Baliño, Federico García Lorca e Ánxel Casal, recuperando elementos simbólicos da súa obra e da memoria democrática galega.

Durante a comparecencia, o Goberno local explicou tamén que nesta edición as festas reducen a súa duración de 15 a 10 días, unha decisión adoptada para preservar a calidade da programación e adaptarse ao calendario doutros eventos que acolle a cidade durante o verán. Ademais, avanzouse que o orzamento roldará os 900.000 euros, aínda que a cifra definitiva se concretará máis adiante.

A identidade da persoa encargada de pronunciar o pregón segue sen desvelarse. O Concello confirmou que xa está decidida, pero que o seu nome se anunciará nos vindeiros días.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *