Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 octubre, 2025
Unha mañá de fútbol con acento nostálxico, emoción e memoria colectiva. Este sábado 4 de outubro, ás 12:00 horas, o campo municipal de Barraña en Boiro converterase no epicentro do deporte galego coa chegada das lendas do Real Madrid.
«É un evento para dinamizar a comarca e homenaxear a quen deixou pegada en Boiro«, explicou David Ríos, impulsor da iniciativa e responsable da empresa organizadora, Devalux, cun pé en Santiago e outro en Madrid. O encontro, que nace da colaboración entre Devalux e o Club Deportivo Boiro, esgotou as entradas en tempo récord e xa se contempla a instalación de gradas supletorias: «En só unha semana vendéronse todas. Hai reservas e estamos estudando ampliar o aforo«, confirmou Ríos.
O cartel é digno dunha final da Champions dos recordos. Paco Buyo, Camacho, Amavisca, Martín Vázquez, Congo ou Luismi son só algúns dos nomes que vestirán de branco unha vez máis, fronte a un combinado de lendas locais como Rubén Rivera, Carlos Padín, Jorge Otero ou Roberto Trashorras. Unha festa para os amantes do fútbol de antes e de agora. «Todo amante do fútbol, sexa ou non do Madrid, vai disfrutar vendo a estes xogadores sobre o terreo de xogo«, afirmou Ríos.
O evento tamén terá un compoñente emocional: unha homenaxe a Jesús Alonso, fundador da empresa Jealsa, unha figura clave na vida empresarial e social da comarca. «Queremos facer isto cada ano, lembrando a persoas destacadas de Boiro», engadiu.
A cita xa é considerada un éxito antes de comezar. Non só polo nivel deportivo, senón pola súa capacidade de poñer a Boiro no mapa a través do deporte e da memoria: «É unha oportunidade para traer a Galicia algo único e dar visibilidade ao noso territorio«, di con entusiasmo o organizador.
E para os escépticos do balón, unha mensaxe clara: «Mesmo aos que non lles gusta o fútbol, isto non se pode perder«, pechou Ríos entre risas.
Escrito por Líder Redacción
boiro cd boiro deportes homenaxe jealsa lendas do real madrid
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)