Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O proxecto abordará a rehabilitación da Casa de Barbazán, situada en Bertamiráns, e a súa ampliación para acoller os espazos necesarios para crear unha praza de abastos e un espazo cuberto, aberto e flexible para empregar como mercado para os produtores locais e dos seus produtos de proximidade
Tamén se ordenará o espazo exterior, hoxe utilizado unicamente coma aparcamento, para poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos, buscando a máxima polivalencia para a utilización deste espazo
O proxecto foi adxudicado á empresa Ute Bonilla-González, por un importe de 33.036,77 euros
O alcalde, Blas García: “dase un paso máis para que o Mercado municipal de abastos de Ames sexa unha realidade. Trátase dunha obra moi importante e necesaria para Ames. Cubrimos unha demanda que vai axudar a dinamizar o concello e o comercio local. A obra supera o millón de euros e xa estamos traballando na busca do financiamento necesario para poder executar o proxecto”
Ames, 4 de xaneiro de 2024.- A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 5 de outubro a adxudicación do contrato de redacción do proxecto básico e de execución para a construción do Mercado municipal de abastos, por un importe de 33.036,77 euros (IVE incluído).
O proxecto abordará a rehabilitación da Casa de Barbazán, situada en Bertamiráns, e a súa ampliación para acoller os espazos necesarios para crear unha praza de abastos e un espazo cuberto, aberto e flexible para empregar como mercado para os produtores locais e dos seus produtos de proximidade. Tamén se ordenará o espazo exterior, hoxe utilizado unicamente coma aparcamento, para poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos, buscando a máxima polivalencia para a utilización deste espazo. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo explicativo do anteproxecto do Mercado municipal de abastos.
O pasado 1 de marzo de 2023 presentouse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o anteproxecto do Mercado municipal de abastos de Ames. Dito anteproxecto foi elaborado polo arquitecto Jorge Duarte Vázquez, da empresa Atrio Arquitectura e Urbanismo. Agora dáse un paso máis coa adxudicación do contrato de redacción do proxecto básico e de execución para a construción de dito mercado de abastos.
O proxecto foi adxudicado á empresa Ute Bonilla-González, por un importe de 33.036,77 €.
O futuro Mercado municipal de abastos de Ames estará situado en dúas parcelas próximas á avenida da Peregrina, en Bertamiráns. Unha delas é a parcela onde está situada a Casa de Barbazán, situada na esquina da avenida da Peregrina coa Travesía de Lodeiro, e a outra é a parcela onde está situado o aparcamento da Telleira. A superficie do ámbito total de actuación é de 4.431 metros cadrados. Neste ámbito, diferenciase o espazo destinado a aparcamento na actualidade, cunha superficie de 3.303 metros cadrados, e maila parcela onde se atopa a Casa da Barbazán e un hórreo, que conta cunha superficie de 1.128 metros cadrados.
O proxecto divídese en tres partes. Unha é a creación dunha praza de abastos que disporá de 12 postos de venda; a segunda e a dotación dun espazo cuberto específico para mercado dos produtores locais e dos seus produtos de proximidade que será realizado cunha periodicidade de un ou dous días a semana; e a terceira é ordenar o espazo exterior, no que na actualidade está situado o aparcadoiro da Telleira, poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos.
Praza de abastos
O proxecto para a construción do mercado de abastos abordará a rehabilitación da Casa de Barbazán e a súa ampliación para acoller os espazos necesarios dunha praza de abastos. Contempla a dotación de oitos postos estables para venda de produtos de froitería e verduras e outros produtos coma panadaría. Esta zona contará cunha cámara de frío e outro local de almacenaxe. Haberá outra zona diferenciada en espazo e en tratamento dos materiais construtivos, no que se situarán dous postos de carnicería e con acceso á unha cámara de frío para cada posto e tamén outros dous destinados á venda de peixes e mariscos que contarán coas súas propias cámaras diferenciadas para cada posto. En total, haberá 12 postos de venda de produtos frescos.
Ademais desta zona de mercado pechado, que contará con espazos complementarios de recollida de residuos e instalacións, o novo edificio integrará a edificación existente que albergará unha cafetería con zona para preparación e degustación de produtos naturais e de proximidade. Deste xeito, o edificio albergará oficinas no primeiro andar e un espazo de hostalaría e restauración na parte baixa.
Mercado dos produtores locais
A praza de abastos, de uso diario e pechada, complementarase coa creación dun espazo cuberto específico para mercado dos produtores locais e dos seus produtos de proximidade que será realizado cunha periodicidade de un ou dous días á semana. Este espazo exterior cuberto contará co seu propio núcleo de aseos exteriores e espazo de almacenaxe, de forma que poida dar servizo a outros usos, coma o mercado semanal, ou tamén permitir que este espazo cuberto poida ser utilizado coma lugar de reunións ou de xogo infantil. A cuberta desta zona exterior estará construída de xeito que permita aproveitar a auga da choiva e ademais colocaranse sobre ela paneis solares para xerar enerxía.
Ordenación do aparcadoiro
O proxecto tamén proporá a ordenación do espazo exterior para crear unha praza pública, hoxe utilizado unicamente coma aparcamento, para poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos, buscando a máxima polivalencia para a utilización deste espazo exterior, ademais de regularizar a súa utilización como aparcamento público.
Deste xeito, ordenarase o espazo de aparcamento coa mellora da pavimentación e creación de pequenas bolsas verdes de drenaxe e para plantación de arborado. Este tratamento sinxelo de ordenación de pavimentos e arborado podería permitir ter un espazo apto para outras actividades a maiores da de aparcamento como podería ser acoller parte do espazo do mercadiño vinculado á produción primaria ou calquera outro tipo de actividade que se considere conveniente.
O alcalde, Blas García, explica que “se dá un paso máis para que o Mercado municipal de abastos de Ames sexa unha realidade. Esta semana aprobouse a licitación para a redacción do proxecto básico e de execución e posteriormente haberá que licitar as obras de construción. Trátase dunha obra moi importante e necesaria para Ames. Cubrimos unha demanda que vai axudar a dinamizar o concello e o comercio local. A obra supera o millón de euros e xa estamos traballando na busca do financiamento necesario para poder executar o proxecto”.
Tamén engadiu que “eliximos esta ubicación porque está no centro do núcleo de Bertamiráns e porque este proxecto forma parte do proxecto de cidade pensado para Bertamiráns, onde tamén se integran os proxectos da améndoa central de Bertamiráns e maila creación do carreiro escolar, e para o que se teñen en conta criterios que marca a Unión Europea como son sustentabilidade, aforro enerxético e a mobilidade sostible”.
Organización funcional do espazo
A organización funcional do espazo da praza de abastos, pasa por situar o acceso principal no gran vestíbulo de cristal xunto á edificación existente e que permite manter a permeabilidade e as vistas do hórreo existente que se vai manter e do espazo libre traseiro, destinado a uso de aparcamento ou que puidera ser de ampliación puntual do espazo de intercambio coa implantación do mercadiño ou outros usos puntuais. Desde este vestíbulo, poderase saír cara ao aparcamento e ademais terase acceso directo ao espazo de cafetería e degustación de produtos, a través da nova apertura do muro. Tamén se disporá de acceso directo ao núcleo de aseos e ao ascensor para dotar de accesibilidade á planta primeira.
O espazo propiamente dos postos do mercado asomarase a este vestíbulo e mostrarase tamén cara ao exterior e estará organizado ao longo dun paso central con postos de venda de verduras e froitas a ambos lados. Este espazo de mercado, con oito postos e cámara de frío e almacén estará separado funcionalmente e por outro acceso secundario e outro de servizo, dos outros postos de venda de carne e peixe que contarán con dous postos de cada produto coas súas propias cámaras individuais. A este espazo tamén se poderá acceder polo costado leste do edificio. A parte alta da edificación daráselle un uso administrativo e tamén será un espazo flexible por se se lle quere dar outro uso.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)