AD

Destacado

O BNG pon a reivindicación da vivenda por diante da decoración do Nadal no Obradoiro

today10 noviembre, 2026

Fondo
share close
AD

 

Xesús Domínguez garante a programación de Nadal e di que o Concello descoñece canto durará a acampada. O goberno local estuda adiantar ou atrasar o acendido das luces pola coincidencia co peche da campaña electoral, mentres o PP pide negociar o traslado das tendas do Obradoiro.

O goberno municipal de Santiago asegura que haberá programación de Nadal e traballa con varios escenarios mentres continúa a acampada pola vivenda na praza do Obradoiro. A convivencia da protesta cos actos festivos centrou o espazo «Hai Debate», de Radio Líder Santiago, onde o PP pediu negociar o traslado das tendas e o PSOE cuestionou a utilidade de manter a protesta nese lugar. Compostela Aberta defendeu a mobilización e pediu agardar a que pase a folga xeral do 11 de novembro.

«Vai haber Nadal en Santiago, que ninguén o dubide», afirmou Xesús Domínguez (BNG). O concelleiro avanzou que o programa se dará a coñecer nos próximos días e explicou que o último venres de novembro, a data habitual do acendido, coincide co peche da campaña electoral. O goberno local aínda está a valorar se adianta ou atrasa o acto. Ante as críticas do PP, Domínguez dixo que o Concello descoñece os prazos que manexan as persoas acampadas e insistiu en que a prioridade é a «defensa do acceso á vivenda».

José Antonio Constenla (PP) recoñeceu a lexitimidade da protesta, pero sostivo que hai espazos públicos «secuestrados» e reclamou que a alcaldesa se reúna coas persoas acampadas para negociar outra localización. O popular advertiu de que a presenza das tendas pode dificultar a instalación da árbore e do belén e expresou dúbidas sobre a cabalgata de Reis. Tamén cualificou de «absolutamente inaceptable» a suposta ancoraxe dunha tenda a unha columna do Pazo de Raxoi. Segundo afirmou, a Policía Local fotografou a tenda.

Marta Abal (PSdG – PSOE) pediu que o Concello presente canto antes o programa e apuntou que a acampada xa condiciona os preparativos. A socialista apoiou a reivindicación dunha vivenda digna e a prezos accesibles, pero observou que «dá a sensación de que agora perdeu o volume de actividade». Por iso, preguntouse se seguir na praza é a mellor maneira de defender esa demanda.

Xan Duro (Compostela Aberta) rexeitou a expresión empregada por Constenla e defendeu que o Obradoiro «é un espazo usado para unha reivindicación lexítima». Matizou que a protesta «non dá un dereito absoluto a ocupar a praza indefinidamente» e sinalou a folga xeral como o momento a partir do cal valorar a súa continuidade. Ao volver sobre a denuncia do PP, Duro dixo que, de existir esa ancoraxe, habería que eliminala e retirar a tenda. O intercambio entre os dous, con varias interrupcións, precipitou o final do debate.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *