Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Redacción, 15 de maio de 2025.- O alcalde do Concello de Padrón, Anxo Arca denunciou esta semana en Radio Líder Santiago que as forzas da oposición, BNG e PP, están a impedir a aprobación dos orzamentos municipais de 2025 con «unha estratexia conxunta para limitar a acción de goberno». Nunha entrevista onde tamén participou a concelleira Chus Campos, Arca advertiu que, de persistir esta situación, recorrerán a unha moción de confianza para sacar adiante as contas.
“Hai unha pinza entre Partido Popular e o BNG para que Padrón non poida contar cos orzamentos”, asegurou o rexedor socialista. “A súa postura é estrangular orzamentariamente a Padrón para que non poidamos continuar facendo o que estamos facendo”.
O alcalde insistiu en que non hai “escurantismo ningún” na tramitación dos orzamentos, e revelou que o borrador foi enviado ao BNG en tres ocasións dende novembro, sen recibir ningunha contraproposta. Tamén criticou a falta de responsabilidade do PP: “Do Partido Popular non me espero nada. Está liderado polo último da lista. Ten que aprender a facer oposición”.
Segundo Arca, se a moción de confianza non prospera, abrirase un prazo de 30 días para unha moción de censura, e, de non haber movemento, os orzamentos quedarán aprobados automaticamente.
“Son uns orzamentos expansivos de 11 millóns de euros que aumentan o capítulo de inversións e ingresos, e son fundamentais para acceder a subvencións e mellorar os servizos”.
Malia a crise orzamentaria, o equipo de goberno reivindicou unha xestión baseada no dinamismo e no desenvolvemento. “Collemos este municipio nunha situación de parálise moi evidente, e agora Padrón é un pobo dinámico e que está en marcha”, explicou Arca.
A concelleira de Turismo e Festas Chus Campos destacou o éxito das festas da Pascua —celebradas malia a chuvia— e a intensa programación para o 17 de maio, Día das Letras Galegas, cunha forte aposta por eventos culturais e deportivos.
“Se non contamos cos presupostos necesarios, non se poden facer as festas que se están facendo, nin traballar en turismo como se está traballando”, apuntou Campos.
Segundo Campos, máis de 8.000 persoas pasaron pola Oficina de Turismo este ano, e o 49% eran estranxeiros, moitos deles fóra do perfil típico de peregrinos. “Incluso recibimos 100 persoas de China, cando o ano pasado non pasou ningunha. O turismo asiático está chegando a Padrón”.
Preguntado sobre se volvería presentarse nas eleccións municipais de 2027, Arca foi prudente: “De momento síntome cómodo no cargo. Mentres siga sendo útil, seguiremos traballando. Pero é unha decisión que tomaremos a finais de mandato”.
Chus Campos tamén deixou aberta a porta: “Hai días que sacrificas moito, pero tamén hai ilusión por rematar os proxectos empezados”.
Escrito por Líder Redacción
Entrevista festas orzamentos padron politica radio lider santiago turismo
today17 mayo, 2025 2
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)