Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 septiembre, 2026
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar unha batería de propostas no Parlamento galego para esixir á Xunta de Galiza unha actuación integral e urxente no CEIP O Coto de Negreira. A iniciativa, impulsada pola deputada Saleta Chao, chega despois de que este martes, 29 de setembro, se producise un incendio na sala de profesorado do colexio que obrigou a desaloxar e ventilar as instalacións tras arderen varios enchufes, requirindo a intervención do GES de Brión. Para o BNG, este grave suceso —que afortunadamente se saldou só con danos materiais ao ser detectado a tempo— supón unha «alerta» que volve poñer o foco na perigosa situación estrutural do centro, un edificio construído en 1975.
A deputada nacionalista lembra que o BNG xa trasladou unha pregunta parlamentar sobre este colexio ao conselleiro de Educación o pasado mes de abril, recollendo o malestar e a preocupación da comunidade educativa e do propio Concello de Negreira. Naquel momento, alertábase de que a instalación eléctrica xa fora obxecto de avaliacións desfavorables, e que se producían apagóns continuos que poñían en risco o uso de aparellos electrónicos e a refrixeración de medicamentos e alimentos.
Malia que o delegado territorial da Consellería visitou o CEIP O Coto en abril, tras facerse públicas as iniciativas do BNG naquela altura, e se comprometeu a manter unha xuntanza nun prazo de dous meses para abordar a accesibilidade, o pavimento dos patios e a renovación eléctrica, «o verán de 2026 pasou sen que a Xunta realizase ningunha actuación neste colexio», denuncia Chao. O grupo parlamentar pediu información de seguimento hai tres meses, obtendo como única resposta por parte de Educación unha ligazón á intervención oral do conselleiro no pleno de abril.
«A este edificio xa non se lle poden poñer máis parches para ocultar as deficiencias estruturais que arrastra», sinalou a deputada do BNG, quen urxe a garantir de forma inmediata a seguranza do alumnado, do profesorado e do persoal de administración e servizos.
A través das iniciativas presentadas, o BNG insta á Xunta de Galiza a adoptar de xeito inmediato as seguintes catro medidas: avaliación inmediata da instalación eléctrica para garantir a seguridade e aplicar as correccións necesarias; avaliación urxente do estado xeral das instalacións do CEIP O Coto para identificar riscos e priorizar actuacións; comprometer na planificación de investimentos para 2027 os fondos necesarios para a rehabilitación integral do colexio e, mentres non chega, executar de forma urxente a renovación completa de todo o sistema eléctrico do centro.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)