AD

Comarca

Bustelo reivindica o municipalismo “sen liñas vermellas” para acadar acordos de cara á próxima lexislatura

today14 mayo, 2026

Fondo
share close
AD
  • O alcalde de Rianxo pon en valor os investimentos en infraestruturas, a proximidade coa veciñanza e un modelo de municipalismo baseado no diálogo e no consenso, defendendo ademais un turismo tranquilo e sostible, afastado da masificación doutros destinos galegos como Sanxenxo.

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, fixo balance da actualidade municipal nunha entrevista na que abordou cuestións clave para o presente e o futuro do concello: a campaña turística de verán, os investimentos en saneamento e abastecemento, os encontros coa veciñanza, a situación da sanidade pública e a necesidade de recuperar o diálogo político e institucional.

Ás portas da tempada estival, Bustelo puxo en valor os atractivos naturais, culturais e paisaxísticos do municipio, destacando que “o que lle recomendo á xente é que nos visite” para descubrir “todo canto temos en Rianxo”. O rexedor explicou que tanto o Concello como a Mancomunidade do Barbanza están a reforzar a promoción turística en distintos foros especializados e campañas de difusión, apostando por un modelo afastado da masificación.

“Queremos destacar, pero sen volvernos tolos”, afirmou, incidindo en que o obxectivo non é competir con destinos saturados, senón manter a esencia dun lugar que ofrece tranquilidade, natureza e hospitalidade. “Non queremos que a xente veña fuxindo da masificación para atoparse exactamente co mesmo”, asegurou.

O alcalde explicou que o turismo que máis recibe Rianxo continúa sendo o nacional, especialmente procedente de Madrid e outras zonas do centro peninsular, aínda que tamén medra o número de visitantes do norte do Estado e do turismo internacional. Segundo destacou, moitas familias escollen a comarca buscando praias tranquilas, gastronomía e descanso.

No relativo ás praias e espazos públicos, Bustelo detallou que o Concello xa iniciou os traballos de limpeza e acondicionamento dos areais tras un inverno especialmente duro. Ademais, avanzou que se reforzarán os servizos de seguridade e socorrismo durante os meses de verán. “Non queremos dar pasos atrás”, sinalou, defendendo a necesidade de manter e ampliar a protección nas zonas de baño do municipio.

Outro dos asuntos centrais da entrevista foi a iniciativa “Encontros co alcalde”, unha serie de reunións periódicas coas distintas parroquias para escoitar directamente as demandas veciñais. Bustelo asegurou que este compromiso naceu da vontade de manter unha relación continua coa cidadanía e non limitar o contacto aos períodos electorais.

“Sabemos que imos para recoller propostas e queixas para mellorar o día a día”, explicou. O rexedor destacou que moitas das peticións teñen que ver con pequenas actuacións do rural, desde baches ata problemas puntuais de servizos, cuestións que, segundo admitiu, “ás veces son máis complexas de resolver do que parece” pola falta de medios humanos e recursos administrativos.

Precisamente o rural ocupou unha parte importante da conversa. Bustelo reivindicou os investimentos realizados durante a lexislatura para mellorar estradas, saneamento e abastecemento nas distintas parroquias. O alcalde recoñeceu que Rianxo aínda non conta cunha cobertura total destes servizos, especialmente no abastecemento de auga, pero insistiu en que existe un “compromiso evidente” para avanzar nesta materia.

Entre as actuacións previstas, citou obras en Taragoña, Asados, Leiro ou a parroquia de Rianxo, con investimentos que superan en varios casos os 200.000 euros. “Queda moito traballo por facer”, admitiu, aínda que subliñou que o Concello xa executou ou licitou proxectos millonarios nesta primeira metade da lexislatura.

A situación da sanidade pública tamén foi motivo de preocupación durante a entrevista. Bustelo lamentou a falta de persoal médico e a dificultade para cubrir prazas de medicina de familia, asegurando que se trata dun problema estrutural que require “foros de traballo serios” e “vontade de diálogo sincera” entre administracións.

“O médico de familia deixou de ser atractivo para moitos profesionais”, apuntou, relacionando esta situación coa falta de cobertura nos centros de saúde e co malestar crecente da cidadanía. Ademais, vinculou esta realidade coa crise doutros sectores estratéxicos da comarca, como o marisqueo, criticando o “tira e afrouxa constante” entre administracións sen que se adopten solucións consensuadas.

Rianxo en Común reivindica o municipalismo e non pecha escenarios de pacto para 2027

No plano político, Julián Bustelo deixou entrever unha visión aberta do municipalismo e do diálogo institucional, afastada das liñas vermellas tradicionais entre formacións. Aínda que evitou falar explicitamente de escenarios electorais de cara a 2027, o alcalde reivindicou a necesidade de manter canles de comunicación con todas as forzas políticas e puxo en valor a capacidade de entendemento entre representantes con diferentes sensibilidades ideolóxicas.

“O problema é cando deixamos de falar”, afirmou durante a entrevista, defendendo que o interese xeral debe situarse por riba das diferencias partidarias. Nese sentido, reivindicou o municipalismo como unha ferramenta útil para atender os problemas reais da veciñanza e destacou que en moitas ocasións existen preocupacións compartidas entre alcaldes de distintos partidos, especialmente no relativo ao rural, os servizos públicos ou o financiamento local.

As súas palabras deixan aberta a porta a futuros entendementos políticos con todas as forzas que obteñan representación nas eleccións municipais de 2027, no caso de que Rianxo en Común continúe sendo a forza máis votada e precise apoios para gobernar. Bustelo insistiu en que o diálogo “sempre é necesario” e reivindicou unha política baseada máis nos acordos e na proximidade coa cidadanía que na confrontación permanente.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *