AD

Actualidad

Ovidio Rodeiro destaca o traballo veciñal e a singularidade da Festa das Carrozas do San Cidre

today13 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

Conversamos co alcalde de Boqueixón sobre a 52 edición dunha das citas máis singulares da comarca compostelá, que se celebrará esta fin de semana no Oural e que estrea este ano o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. O día grande será o domingo, coincidindo co Día das Letras Galegas

A parroquia do Oural, en Boqueixón, prepárase para vivir esta fin de semana unha edición histórica da Festa das Carrozas do San Cidre. A celebración alcanzará a súa 52 edición convertida xa nun referente da tradición popular galega e estreando ademais este ano o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, destacou que este recoñecemento “acredita o traballo dos homes e mulleres da parroquia do Oural” e puxo en valor “esa unión que teñen os veciños e veciñas para sacar adiante unha iniciativa que levan mantendo viva desde hai máis de medio século”.

O rexedor definiu o San Cidre como “unha celebración moi diferente”, na que “cada unha das aldeas constrúe unha carroza na que representa os oficios do campo”. “Antes xuntábanse cos carros e cos bois e hoxe son auténticas plataformas rodantes”, explicou, destacando a evolución dunha festa que continúa mantendo intacta a súa esencia tradicional.

Meses de traballo e segredo ata o desfile

Ao longo da entrevista, Rodeiro puxo especialmente o foco no enorme esforzo veciñal que hai detrás de cada edición. “Construír unha carroza leva moitas semanas de traballo, moitas tardes despois da xornada laboral clavando puntas, serrando madeira e perfilando toda a parte ornamental”, relatou.

Un dos elementos máis curiosos da celebración segue sendo o segredo absoluto co que se elaboran as carrozas. “Ningún membro dunha carroza pode ir ver o que está facendo a outra”, comentou, explicando que nin sequera os propios participantes coñecen os detalles das creacións do resto das aldeas ata o momento do desfile.

Actualmente participan sete carrozas, ás que se suma tamén unha proposta infantil impulsada arredor da escola unitaria para involucrar ás novas xeracións e garantir a continuidade da tradición.

Gastronomía, música e ambiente popular

A programación arrancará o sábado ás 22:00 horas coa tradicional misa na honra á Nosa Señora de Fátima e unha procesión nocturna acompañada pola agrupación “Sete Pontes”. A partir das 23:00 horas celebrarase a verbena co Grupo Tatoo e a Discoteca Móbil Pirámide XXL co DJ Marcos Kintana.

O día grande chegará o domingo, coincidindo ademais este ano co Día das Letras Galegas. As carrozas estarán expostas en Camporrapado desde as 11:00 horas e desfilarán ao mediodía polas rúas do Oural acompañadas polas charangas BB+ e Os Atrevidos e pola banda de gaitas Nova Fronteira.

Segundo explicou o alcalde, “a partir das 11 poden empezar a achegarse” os visitantes para ver as distintas creacións antes do desfile cara ao campo da festa.

Ás 14:00 horas terá lugar a inauguración oficial coa entrega de premios e o pregón da actriz e presentadora María Mera, moi vinculada tamén ao municipio. Posteriormente celebrarase a tradicional degustación de viños e petiscos nas distintas carrozas.

Sobre o ambiente que se vive durante a celebración, subliñou tamén o carácter acolledor e gastronómico da cita. “Cada carroza está especializada nun produto e ofrece pinchos, petiscos e viño aos visitantes”, explicou, asegurando ademais que “non coñezo ningunha festa onde se invite a viño e pinchos como no San Cidre”.

O rexedor lembrou ademais que os asistentes poden colaborar coa tradicional “vontade” que se deposita nas distintas carrozas para axudar a sufragar os gastos da festa.

Pola tarde haberá xogos para os máis pequenos, actuacións musicais e o fin de festa coa orquestra La Ocaband. Ademais, durante toda a xornada haberá exposición de tractores antigos, polbeiro, food trucks, atraccións infantís e zonas habilitadas para xantar en familia.

Un libro para conservar a memoria do San Cidre

Outro dos protagonistas desta edición é o libro “Carrozas do San Cidre. Costumes, agro e tradición”, presentado recentemente e nacido a partir do documental realizado sobre a festa. Na entrevista, Rodeiro definiuno como “un traballo rigoroso” que “recolle o espírito da festa, esa unión dos veciños e a paixón que eles poñen para sacar adiante cada ano as festas”.

O alcalde puxo tamén en valor a recuperación de fotografías e lembranzas históricas da parroquia a través desta publicación. “Recoller esas fotos e esa memoria viva dun pobo nunha publicación que queda para o futuro” é, segundo indicou, un dos grandes valores deste proxecto.

Carreira das Letras e promoción do territorio

Coincidindo co Día das Letras Galegas, Boqueixón acollerá tamén a XII edición da Carreira Camiño das Letras, que unirá o Pico Sacro coa Cidade da Cultura, nun percorrido de 15 quilómetros.

Sobre esta cita, explicou que se trata dun evento deportivo que tamén “promociona a nosa lingua, a nosa historia e o Camiño de Santiago”, poñendo en valor o simbolismo dun percorrido que conecta dous espazos “moi especiais para Galicia”.

Infraestruturas e servizos

Durante a conversa, o alcalde repasou tamén distintos proxectos impulsados actualmente no municipio relacionados co saneamento, as sendas peonís ou a mellora de estradas municipais. Tamén se referiu á concentración parcelaria de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo e aos programas de conciliación e apoio ás familias impulsados polo Concello.

O alcalde destacou ademais que Boqueixón conta xa con tres celebracións distinguidas como festas de interese turístico: a Festa da Filloa de Lestedo, de Interese Turístico Nacional; o Entroido de Sergude (Xenerais da Ulla), de Interese Turístico de Galicia; e agora tamén as Carrozas do San Cidre. “As parroquias teñen moitísima forza, unión e ganas de traballar”, asegurou Rodeiro, destacando a implicación veciñal á hora de manter vivas as tradicións do municipio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *