AD

Actualidad

“As festas merecen máis”: a oposición critica o cartel da Ascensión e o goberno reivindica a aposta galega

today13 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

O programa Hai Debate de Radio Líder Santiago converteuse este luns nun espazo de análise sobre dous dos asuntos que marcan a actualidade compostelá: o ascenso do Monbus Obradoiro á ACB e o inicio das Festas da Ascensión. No encontro participaron Pilar Lueiro, Nerea Barcia, Marta Abal e Xan Duro, que coincidiron en cualificar de “histórico” o regreso do club compostelán á máxima categoría do baloncesto español, aínda que amosaron diferenzas á hora de valorar a programación cultural das festas máis picheleiras da cidade.

Santiago continúa instalada na celebración tras unha fin de semana marcada polo ascenso do Monbus Obradoiro á ACB. Ese ambiente de euforia trasladouse este luns ao programa Hai Debate de Radio Líder Santiago, onde representantes das catro formacións con presenza no Concello analizaron tanto o éxito deportivo como o arranque das Festas da Ascensión.

A emoción polo regreso á elite do baloncesto español foi un dos poucos puntos de coincidencia total entre as participantes. Pilar Lueiro describiu o ascenso como “un momento histórico” vivido “con moitos nervios, emoción e orgullo”, lembrando ademais os dous anos de esforzo tras o descenso. Na mesma liña, Nerea Barcia asegurou que foi “un día super bonito” e destacou o ambiente vivido en Fontes do Sar.

Tamén Marta Abal puxo en valor o “merecidísimo ascenso” e a capacidade do club para recuperar a categoría tras dúas campañas complicadas, mentres que Xan Duro incidiu no compoñente emocional vivido tanto dentro como fóra do pavillón: “o ambientazo era espectacular”, apuntou, destacando ademais a importancia simbólica do éxito deportivo para a cidade.

Impacto económico e orgullo de cidade

Durante o debate, as catro forzas coincidiron en que o ascenso terá consecuencias positivas máis aló do deportivo. O impacto económico, turístico e social centrou boa parte da conversa.

Desde o BNG, Pilar Lueiro destacou a relevancia do turismo deportivo e lembrou a chegada de afeccións visitantes e competicións que dinamizan a economía local. “Cando vén un equipo, vén detrás a familia”, resumiu.

Pola súa parte, Nerea Barcia incidiu no efecto sobre a hostalaría e no “encontro de unión” que supón o Obradoiro para Compostela, mentres Marta Abal reclamou non esquecer o resto do tecido deportivo da cidade, mencionando entidades como a SD Compostela, o Club Arteal ou os equipos de hockey composteláns.

Xan Duro foi máis aló do económico e falou dun “impacto emocional” e dunha “reivindicación do compostelanismo”, asegurando que o ascenso reforza o orgullo colectivo da cidade e pode servir de inspiración para o deporte base.

Debate sobre as festas da Ascensión

A segunda parte do programa estivo centrada nas Festas da Ascensión, que comezan esta semana cunha programación marcada pola presenza de artistas galegos e actividades tradicionais.

A concelleira do BNG, Pilar Lueiro, defendeu a aposta do goberno municipal pola cultura galega e pola programación de rúa, destacando que as festas “non son só concertos”, senón tamén espazos de convivencia arredor da tradición, as corais, o baile tradicional, a feira cabalar ou o torneo da chave. Ademais, aclarou que a presenza das Tanxugueiras será unha presentación de disco e non un concerto convencional.

Desde a oposición, tanto PP como PSOE cuestionaron a falta de ambición do cartel. Marta Abal considerou que Santiago perdeu parte da “expectación” que antes xeraban as festas e abriu o debate sobre combinar concertos gratuítos con actuacións de pago para atraer artistas de maior renome estatal ou internacional.

Nerea Barcia foi especialmente crítica co programa, ao que cualificou de “pouco ambicioso”, asegurando que as festas merecen “máis” por tratarse da capital galega. A representante popular reclamou maior presenza de actividades nos barrios e no rural, ademais de máis diversidade musical e mellor información na programación dixital.

En resposta ás críticas, Pilar Lueiro reivindicou o modelo cultural impulsado polo executivo municipal, defendendo que “a música nosa e a cultura de noso non lle restan calidade a nada do que vén de fóra”. A edil lembrou a presenza de artistas como Mondra ou The Rapants e destacou o protagonismo da Banda Municipal, das agrupacións folclóricas e das corais compostelás.

Tamén Xan Duro coincidiu en sinalar que Santiago está aumentando progresivamente a súa oferta musical ao longo do ano grazas ao uso de espazos como o Multiusos ou o Palacio de Congresos, aínda que admitiu que “hai moita marxe de mellora”. O representante de Compostela Aberta mostrouse partidario de manter o acceso gratuíto aos concertos das festas, aínda que non pechou a porta a estudar fórmulas mixtas no futuro.

O debate rematou cunha idea compartida entre as distintas formacións: o potencial de Santiago tanto no ámbito deportivo como cultural continúa sendo unha das grandes fortalezas da cidade, aínda que persisten diferentes visións sobre como aproveitalo e proxectalo cara ao exterior.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *