AD

Actualidad

Cineuropa inaugura a súa 40 edición coa proxección de Nina Roza, premiada na Berlinale

today5 noviembre, 2026

Fondo
share close
AD

Paweł Pawlikowski e Nanni Moretti protagonizan unha primeira fin de semana con grandes nomes do cinema europeo

O documental sobre Pablo Milanés contará coa presenza do equipo e de familiares do músico cubano

A actriz Laia Marull recollerá o próximo martes o Premio Cineuropa

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2026.- O festival Cineuropa inaugura este venres, 6 de novembro, ás 19.30 horas, a súa 40ª edición cunha gala no Teatro Principal que contará coas intervencións da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín Rei, da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e do director do festival, José Luis Losa, así como coa presenza de representantes da Corporación municipal e das entidades colaboradoras.

A película de apertura será Nina Roza, da cineasta canadense Geneviève Dulude-De Celles, gañadora do Oso de Prata ao mellor guión no Festival Internacional de Cinema de Berlín. O filme parece emanar daquel cinema italiano no que o máxico e o telúrico se daban a man, como acontece nas películas de Ermanno Olmi. Nina Roza fala do regreso dun home desarraigado ao país do que fuxiu, unha Bulgaria na que terá que enfrontarse á sombra do seu pasado e descubrir se unha nena considerada santa está realmente tocada polos deuses da arte ou non é máis ca unha artista fake nun país en ruínas.

O filme dará comezo a 17 días de programación nos que o festival proxectará máis de 150 títulos, ademais de promover numerosas actividades paralelas. Nesta edición tan especial, Cineuropa celebra catro décadas de compromiso co cinema como espazo de descubrimento, reflexión e encontro, cunha programación que percorre algunhas das propostas máis relevantes do panorama cinematográfico internacional.

Unha primeira fin de semana con grandes nomes do cinema internacional

A programación dos primeiros días contará coa presenza de dous nomes fundamentais do cinema europeo contemporáneo. O sábado 7, ás 20.45 horas, o Teatro Principal acollerá a proxección de Fatherland, o novo traballo do cineasta polaco Paweł Pawlikowski, responsable de títulos como Ida, gañadora do Óscar á mellor película internacional, e Cold War, premiada en Cannes. Ambientada no verán de 1949, a película acompaña o escritor Thomas Mann, premio Nobel de Literatura, e a súa filla Erika nunha viaxe pola Alemaña da posguerra, un territorio dividido polas tensións da Guerra Fría e polas fracturas da súa propia historia familiar.

Tamén o sábado, ás 18.30 horas, poderá verse Sucederá esta noite, o novo filme de Nanni Moretti. Inspirada libremente en relatos da colección Hungry Heart, de Eshkol Nevo, a película constrúe unha historia sobre o amor, o azar e os reencontros a través de Matteo e Greta, dous personaxes cuxos camiños se cruzan e se afastan durante sete anos. O filme está protagonizado por Louis Garrel e Jasmine Trinca, xunto a un elenco no que figuran tamén Angela Finocchiaro e Hippolyte Girardot. Moretti, unha das figuras máis recoñecidas do cinema italiano contemporáneo, conta cunha longa traxectoria internacional que inclúe o premio á mellor dirección no Festival de Cannes.

A música e a memoria terán tamén un espazo destacado coa proxección de Para vivir. El implacable tiempo de Pablo Milanés, o documental dirixido por Fabien Pisani que poderá verse o domingo 8, ás 20.15 horas, no Salón Teatro. A través dun diálogo íntimo co seu pai, gravemente enfermo, o cineasta reconstrúe a vida e a traxectoria dunha das voces fundamentais da música cubana e latinoamericana. O filme reúne tamén os testemuños de figuras como Chico Buarque, Omara Portuondo, Silvio Rodríguez, Chucho Valdés, Fito Páez, Joaquín Sabina, Joan Manuel Serrat e Ana Belén, e percorre a relación complexa que o artista mantivo co seu país e coa súa historia. A sesión contará coa presenza do director e de familiares do músico.

A programación do sábado incluirá tamén dúas propostas documentais con presentación dos seus directores: El milagro, de David Varela, unha viaxe autobiográfica por Oriente Medio e a India que mestura realidade, soños e ficción, o sábado ás 20.15 horas en NUMAX; e Ribadafonte, de Alberto Sacido, que reconstrúe os 400 anos de historia dunha casa familiar e a memoria das xeracións que a habitaron, ás 20.30 horas no Salón Teatro.

O cinema como memoria: unha mesa redonda sobre os arquivos fílmicos

A reflexión arredor da memoria ocupará tamén un lugar destacado nas actividades paralelas da primeira fin de semana. O domingo 8, ás 16.30 horas, a Zona C acollerá a mesa redonda Memorias reveladas: os arquivos fílmicos e a construción da historia, un encontro que abordará o papel dos arquivos cinematográficos na conservación das imaxes, na recuperación do patrimonio audiovisual e na construción da memoria colectiva. O acceso será libre ata completar a capacidade.

A programación paralela incluirá tamén o espectáculo Aquí e acolá, da compañía suíza Teatro Frenesí, que poderá verse o sábado 7 ás 18.00 horas na Zona C. A proposta combina teatro, música e humor para abordar, desde a tenrura e a emoción, a fraxilidade da memoria a través da historia de Alma, unha muller maior con alzhéimer que prepara unha festa sorpresa para o seu compañeiro. Unha peza que dialoga, desde a escena, con algúns dos temas que atravesan esta edición do festival.

Laia Marull recibirá o martes 10 o Premio Cineuropa

Esta primeira fin de semana será o preludio das distintas citas que marcarán a 40ª edición do festival. Entre elas, a entrega do Premio Cineuropa á actriz Laia Marull, que terá lugar o próximo martes, 10 de novembro, en recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución ao cinema. A intérprete sumarase así á relación de figuras destacadas da cinematografía que recibiron este recoñecemento ao longo das catro décadas do certame.

Cineuropa celebra a súa 40ª edición reafirmando a súa vontade de achegar ao público compostelán o cinema máis estimulante do panorama internacional, combinando os grandes nomes e títulos recoñecidos nos principais festivais coa descuberta de novas voces e cinematografías. Unha celebración de corenta anos de cinema que volverá converter Santiago nun punto de encontro para espectadores e profesionais do sector.

A venda de entradas arranca cunha excelente acollida do público

A 40ª edición de Cineuropa iniciou este mércores a venda de entradas cunha excelente resposta do público e un balance moi positivo no funcionamento do sistema, que apenas rexistrou incidencias ao longo da xornada. Durante o primeiro día contabilizáronse 6.041 entradas vendidas ou canxeadas, fronte ás 4.151 do ano pasado, o que supón un incremento de máis do 45%. Rexistráronse, ademais, 3.683 operacións de venda e adquiríronse 325 bonos, 24 máis que na edición anterior. Estas cifras confirman o interese que esperta a programación do festival e anticipan unha elevada participación do público nesta edición tan especial.

Sedes do festival e información práctica

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos estarán á venda a partir do próximo mércores 4 de novembro no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *