AD

Actualidad

Teo e Fundación ONCE alíanse para impulsar o emprego das persoas con discapacidade

today4 noviembre, 2026

Fondo
share close
AD

O convenio reforzará a coordinación entre os servizos municipais e os equipos técnicos da ONCE para facilitar unha atención prioritaria e o acceso a un emprego de calidade

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, e a directora de Marketing Social e Convenios de Fundación ONCE e directora da Área de Empresas, Alianzas e RSC-D de Inserta Empleo, Mar Medeiros, asinaron un convenio Municip para promover a inclusión laboral das persoas con discapacidade no municipio.

O acordo establece un marco de colaboración para desenvolver accións de formación, captación, derivación, orientación e inserción laboral. Entre os seus principais obxectivos figura a creación dunha canle de comunicación fluída entre os servizos sociais e de emprego do Concello e os equipos técnicos da ONCE, que permita detectar as persoas que precisen apoio e atendelas de maneira prioritaria.

A alcaldesa destacou que esta colaboración contribuirá a mellorar a inserción laboral, avanzar na accesibilidade universal e deseñar conxuntamente políticas sociais inclusivas. Así mesmo, vinculou o convenio co compromiso de Teo coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a cohesión social e a atención aos colectivos en situación de vulnerabilidade.

Pola súa parte, Mar Medeiros salientou a importancia das alianzas entre as administracións públicas e as entidades especializadas para construír contornas máis inclusivas. “Con este convenio impulsaremos non só a incorporación das persoas con discapacidade ao mercado laboral, senón tamén iniciativas que favorezan a accesibilidade universal e a participación plena de todas as persoas na vida económica e social de Teo”, afirmou.

O convenio, cofinanciado pola Unión Europea, tamén prevé accións de sensibilización dirixidas á cidadanía, aos axentes sociais, ás organizacións e ás institucións para dar a coñecer as capacidades das persoas con discapacidade e favorecer a súa incorporación ao mercado laboral. No ámbito empresarial, promoverase a aposta polo talento mozo.

A colaboración estenderase ao tecido asociativo de Teo, a través do cal se canalizará a prestación de servizos ás persoas con discapacidade. Ademais, desenvolveranse accións de difusión para achegar á sociedade as iniciativas impulsadas ao abeiro deste acordo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *