Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 julio, 2024
11/07/2024. Santiago de Compostela. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, pecharon o acordo para mellorar a accesibilidade na contorna do hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e a construción dun aparcadoiro.
Nas últimas horas tivo lugar un encontro entre Concello e Xunta no que se acordaron as bases de colaboración para mellorar a situación de mobilidade e ordenación na contorna do centro hospitalario.
Este acordo inclúe a construción dun aparcadoiro, en altura e soterrrado, e a mellora de accesibilidade na contorna do complexo hospitalario a través dun plan de interese autonómico (PIA) cun perímetro consensuado entre ambas as dúas administracións.
Neste marco, e se é posible urbanisticamente, acordouse que, antes da aprobación dese Plan de Interese Autonómico, se procederá á execución do aparcadoiro integrado e accesible dentro da parcela do hospital co fin de dotar, canto antes, prazas para o estacionamento, así como a execución da mellora do acceso desde Volta do Castro, que está prevista no planeamento urbanístico vixente. De non ser posible antes da aprobación do PIA, as dúas administracións coincidiron, en todo caso, na necesidade de abordar ese aparcadoiro integrado como actuación absolutamente prioritaria.
O acordo, que se desenvolverá en convenios específicos para as diferentes actuacións, estipula unha achega económica de 90%-10% entre a Xunta e o Concello de Santiago para a execución da totalidade das obras.
Este acordo permitirá dotar de arredor de mil prazas de aparcamento á contorna do CHUS, onde ambas as dúas administracións detectaron nos seus respectivos estudos de mobilidade a problemática de fluxos de circulación e de falta de prazas de estacionamento na área na que se sitúa o complexo hospitalario.
O Concello de Santiago, pola súa banda, comprométese a regular na ordenanza fiscal correspondente a exención do pagamento do IBI do Hospital Clínico e do futuro Centro de Protonterapia que se constrúe ao carón do centro hospitalario, unha vez rematen as obras dese centro e as de ampliación do hospital.
Neste acordo, tamén se recolle o compromiso da Administración autonómica de cofinanciar actuacións de saneamento e abastecemento municipal, cunha achega de 3,5 millóns de euros, para paliar e reducir a discriminación do rural compostelán.
As dúas administracións expresan a súa satisfacción polo acordo ao que chegaron, dando resposta a unha demanda veciñal e co obxectivo de reordenar e humanizar a contorna do hospital, o que redundará tanto en persoas usuarias, profesionais que traballan nunha ampla área sanitaria e residentes na zona.
Escrito por Líder Redacción
apracadoiro chus compostela concello hospital radio lider santiago santiago xunta
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)