Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 noviembre, 2023
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023. Uns orzamentos “que amosan unha vez máis o pouco interese que ten o Partido Popular de Galicia e Alfonso Rueda en Santiago”. Así cualificou o portavoz dos socialistas o proxecto de contas que a administración autonómica presentou para Santiago. Gonzalo Muíños asegurou que este orzamento é “máis do mesmo” con “investimentos que non repercuten en nada nas veciñas e veciños, como as oficinas da Xunta en San Caetano ou os dous millóns para máis obras no Monte do Gozo”.
Desde as filas socialistas, a deputada Noa Díaz, afeou que se trata dunhas contas que “un ano máis, e xa van demasiados, que deixan abandonada á cidadanía de Compostela”. Nesta liña, Díaz anunciou que entre as emendas presentadas polo grupo socialista está a construción dun novo centro de saúde no barrio de Conxo, solicitando 400 mil euros para a elaboración do proxecto de construción.
Precisamente sobre o centro de saúde de Conxo, a deputada socialista afeoulle ao voceiro dos conservadores en Raxoi que anunciase unha partida para a súa remodelación: “nos orzamentos da Xunta non aparece esa partida específica, é mentira”.
“Agora que o Estado vai a incrementar a partida ao Consorcio, a Xunta quédase sen escusas para facer o propio”
Outra das cuestións que recollen as alegacións dos socialistas aos orzamentos é o incremento da partida da Xunta ao Consorcio. Recordan que o propio Alfonso Rueda comprometérase na reunión que man7vo coa alcaldesa a incrementar esa partida se así o facía o goberno central: “o goberno de Pedro Sánchez anunciou un incremento do 30% na súa aportación, un 10% anual, a que espera o señor Rueda?” cuestionou Muíños.
O portavoz dos socialistas asegurou que con este paso adiante do goberno central a Xunta “quédase sen escusas para facer o propio”, recalcando a importancia de que o Consorcio conte con fondos para “poder impulsar programas de axudas á rehabilitación ou de accesibilidade, tan necesarios na nosa cidade histórica, por exemplo”.
Sobre este tema, recalcou que o Consorcio faise cargo da financiación da Real Filharmonía de Galicia, unha orquestra de titularidade autonómica, recorda, pero que supón un custo nas contas do Consorcio no 2023 de 4,8 millóns de euros, 300 mil euros máis que o ano pasado, “mentres a Xunta mantén a súa aportación conxelada nos 2,7 millóns desde hai máis dunha década”.
Tamén as transferencias correntes ao Concello para sufragar os gastos ocasionados pola capitalidade experimentaron “un descenso continuo desde a chegada do PP ao goberno”. Díaz recordou que durante o goberno de Touriño chegouse aos 3.200.000 euros e, nos próximos orzamentos, a Xunta prevé unicamente 2,3 millóns de euros, supoñendo un recorte dun 33%. Nesta liña, os socialistas propoñen que se retome a contía á que se chegou durante o bipartito: “unha cantidade xa non xusta, senón necesaria”.
Seis millóns para o aparcadoiro do CHUS
Para o aparcadoiro do Hospital Clínico os socialistas piden unha planificación plurianual de seis millóns de euros para abordar a construción dun parking de 420 prazas na parcela, ao carón do CiMUS, que cedera á administración autonómica o goberno socialista no pasado mandato. Recorda o portavoz dos socialistas que está valorada en 6 millóns de euros, polo que a “aportación do Concello estaría sobradamente xustificada”.
Sobre o proxecto de construción doutro aparcadoiro no interior da propia parcela do CHUS que anunciou a conselleira de Infraestruturas, desde as filas socialistas recordan que se trata dunha parcela da exclusiva propiedade do SERGAS e para a creación dun equipamento supramunicipal que da servizo a 450 mil persoas de máis de 49 concellos, “polo que, de querer seguir adiante co seu proxecto, por suposto están no seu dereito, pero non poden pretender que o financien os contribuíntes de Santiago cando da servizo a media Galicia”.
Infraestruturas no eido cultural
“É o momento xa de facer caso á comunidade educativa do Conservatorio de Música” destacou Díaz, que insistiu en que este centro estase convertendo nunha referencia “xa non só na cidade, senón en toda Galicia” polo que, desde a dirección alertan de que se está quedando pequeno. Así, propoñen a súa ampliación. Tamén a creación dun conservatorio de danza, respondendo á solicitude da Plataforma de Danza, habida conta de que o único que existe en toda Galicia está en Lugo.
Ademais, en materia educativa, inclúen tamén entre as súas demandas para os orzamentos da Xunta a construción dunha escola infantil no barrio de Santa Marta: “a cidade creceu cara a zona sur, e é preciso dar cobertura a todas as familias que o demandan”.
Entre as emendas dos socialistas figuran tamén un novo centro de día en Fontiñas e a construción dun colector de pluviais na zona de Fontes do Sar para evitar asolagamentos nos días de choiva intensa. Tamén en materia de saneamento, instan á Xunta a incrementar a súa aportación para a depuradora da Silvouta logo de que o Estado anunciase un incremento da súa do 65 ao 80%.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)