Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 octubre, 2026
Recoñecido entre as 25 xastrerías máis destacadas de España, segundo a revista Forbes, o artesán galego repasou en Radio Líder Santiago as súas orixes, a decisión de emprender aos 58 anos e a súa aposta por manter vivo un oficio tradicional a través da formación das novas xeracións.
O xastre arzuán Fernando Freire atravesa un dos momentos máis especiais da súa traxectoria profesional despois de que a revista Forbes incluíse o seu taller entre as 25 xastrerías máis destacadas de España. Un recoñecemento que recibiu con emoción e que compartiu durante unha entrevista en Radio Líder Santiago, na que repasou as súas orixes, a paixón pola artesanía e o compromiso coa continuidade dun oficio que aprendeu do seu pai. «Estou vivindo nunha nube. Non sei como chegou a ocorrer. Para min é unha honra estar aí entre grandes figuras da xastrería española», confesou.
A súa historia comezou en Viñós, no concello de Arzúa, onde o seu pai abriu unha xastrería en 1953 e chegou a contar con oito aprendices. Aquela foi a súa primeira escola e a orixe dunha vocación que nunca abandonou. «O meu pai foi o meu mestre», lembrou Freire, que posteriormente desenvolveu boa parte da súa carreira profesional en El Corte Inglés de Santiago, onde traballou durante 27 anos e formou parte das primeiras quince persoas contratadas para o centro.
Tras décadas dedicado ao oficio, decidiu emprender pola súa conta aos 58 anos e abriu en 2024 o seu taller na rúa Ramón Cabanillas de Santiago. Unha decisión que tomou co respaldo da súa familia e da que non se arrepinte. «Non dubidei nunca de que isto fose ir mal, porque, se non, cunha estabilidade aos 58 anos, non o tería feito. O que non pensei nunca é que fose tan ben», asegurou. Actualmente, recoñece que a demanda supera mesmo a súa capacidade de produción: «A carga de traballo é tremenda. Sábeme mal ter que estar rexeitando traballo».
Freire defendeu durante a entrevista o valor da xastrería tradicional fronte á confección industrial, destacando a personalización, a calidade dos tecidos e o traballo completamente manual. Segundo explicou, unha chaqueta artesanal pode requirir arredor de 80 horas de elaboración, ou mesmo máis, dependendo das características do tecido e da complexidade do deseño.
«Non montamos coleccións absolutamente de nada. Creamos todo desde cero», sinalou, explicando que cada peza se adapta ás características físicas e ás preferencias do seu propietario. A súa filosofía aposta por deseños atemporais, afastados das tendencias pasaxeiras, que poidan seguir utilizándose durante décadas. «Facemos traxes totalmente atemporais, que poidamos poñer dentro de dez, quince ou vinte anos», destacou.
O proceso de elaboración comeza cunha entrevista personalizada que pode prolongarse durante horas, continúa cunha proba e remata coa entrega da peza. «Eu sempre digo que isto é unha cuestión de fe, porque o cliente está adquirindo algo que non existe», explicou Freire, que traballa exclusivamente con cita previa para dedicar a cada persoa o tempo necesario.
Ademais do recoñecemento de Forbes, o artesán destacou a importancia de contar coa carta de artesán concedida por Artesanía de Galicia en 2023 e cun taller rexistrado oficialmente. Un distintivo que considera fundamental para poñer en valor o oficio e a súa transmisión ás novas xeracións.
Precisamente, a formación constitúe un dos principais piares do seu proxecto. No seu taller imparte cursos xunto a Ramón Lareo, cun máximo de oito alumnos para garantir unha atención personalizada. Entre eles hai mozos de 18, 23 e 25 anos, unha mostra do interese que segue espertando a profesión. «Hai moitísimo interese, sobre todo entre a xente nova», asegurou.
Freire tamén destacou a colaboración con outros artesáns galegos especializados en ourivaría, calzado, complementos e tecidos, cos que desenvolve pezas exclusivas que reivindican o valor da produción artesanal.
Lonxe de considerar a xastrería un oficio condenado a desaparecer, amosouse convencido das súas posibilidades. «Esta profesión ten un futuro incrible», afirmou. O seu obxectivo é garantir que os coñecementos herdados do seu pai continúen transmitíndose. «Temos que transmitir un oficio centenario que se foi transmitindo de xeración en xeración ao longo da historia. Non vai ser aquí onde se acabe», concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)