AD

Actualidad

Filloas, pioneiro do hyperpop en galego: «Pasei de escoitar punk a Bad Bunny sen darme conta»

today19 febrero, 2025

Fondo
share close
AD

O artista galego Filloas visitou recentemente os estudios de Radio Líder Santiago para presentar o seu novo traballo ‘Súbete ao EVA’ e falar sobre a súa traxectoria, a súa evolución musical e o momento actual da música en galego. «Este proxecto ten que ser en galego porque é moi persoal», asegurou.

Filloas, cuxo nome real é Iago, explicaba na entrevista que a súa carreira musical comezou no punk, pero que nos últimos anos evolucionou cara a estilos máis urbanos. «Pasei do punk a Bad Bunny sen darme conta», confesou entre risas. A pandemia foi clave nesta transformación, xa que durante ese tempo de inactividade comezou a escoitar artistas como Duki e Boyanka Kostova e a experimentar con novos sons.

O resultado desta viaxe musical cristalizou no hyperpop, un xénero que define como «a versión moderna do punk». «O hyperpop é máis acelerado, con moitos efectos e sobrecargado, igual que o punk. Sinto que hai unha conexión moi natural entre ambos estilos», explicaba.

Un proxecto en galego

Un dos aspectos máis destacados da súa proposta é que aposta pola música en galego. «O galego mola. Eu nací nunha familia castelanfalante, pero o galego foi a lingua do Xabarín Club, de Shin chan, do Detective Conan… e iso marcoume», contou. Para el, a lingua non é un obstáculo senón unha ferramenta que lle permite conectar co seu público de maneira auténtica.

Filloas destaca ademais o bo momento que vive a música en galego. «Hoxe en día, os festivais contan con moitos artistas galegos e hai grupos que enchen salas en Madrid. Nunca houbo tanto público para a nosa música», asegurou.

O artista está inmerso nunha xira de concertos onde defende o seu novo traballo con moita enerxía sobre o escenario. «A nosa música é super de festa, moi rápida, e en directo creamos unha conexión brutal co público», explicou.

Non está só no escenario, xa que conta coa compañeira Paula Ferraz, que se encarga de guitarras, síntese e bases. «Ela é unha máquina. Ademais de tocar, ten un carisma enorme, e nos momentos nos que eu me calo, ela mantén ao público arriba», destacou.

As letras de Filloas combinan retranca, referencias á cultura friki e reflexións profundas. Un exemplo é o seu tema «22 Minutos», a primeira canción de amor que compuxo. «Escoitando a letra, parece que falo de videoxogos e anime, pero o amor está de fondo», explicaba.

Outro dos seus temas destacados é «A morte vai comigo», onde reflicte sobre a súa ansiedade coa idea da morte. «Sempre tiven moito medo á morte, e esta canción é unha forma de poñer en palabras ese sentimento», confesou.

O futuro de Filloas

A pesar do crecemento do proxecto, Filloas non ten claro se quere dedicarse exclusivamente á música. «Prefiro combinar a música coa miña outra paixón, a informática. Para min é importante ter unha estabilidade mental e non vivir coa ansiedade do que pode pasar no mundo da música», admitiu.

Con todo, a súa paixón pola música segue intacta e vé o proxecto con percorrido. «Non sei como soará Filloas dentro de 25 anos, pero si sei que manterá a mesma actitude», afirmou.

Filloas segue coa súa xira de concertos e está a preparar a súa presenza en festivais para este verán, consolidando o seu posto como un dos artistas máis interesantes da música urbana galega.

A entrevista completa no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *