Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 febrero, 2024
Padrón.1-02-2024.- Este sábado, 3 de febreiro, Padrón converterase no epicentro do atletismo coa celebración da XXI Padrón 10K, unha proba que marcará un fito ao rexistrar unha participación récord de 1.434 atletas. Este evento consolídase como un dos máis destacables na axenda deportiva de Galicia, atraendo a corredores e corredoras de diferentes partes do país e consolidando a vila padronesa como un referente no ámbito deportivo. A competición, organizada polo Concello de Padrón, lévase a cabo co apoio da Deputación da Coruña, da Federación Galega de Atletismo e de Kaiku-Protein.
Este sábado tomarán a saída 1.434 atletas dos que 453 farano dentro da categoría escolar (ata sub14). Destaca tamén o dato da participación feminina con 425 inscritas.
A proba, aberta a todas as persoas, federadas ou non, inclúe a competición de cinco quilómetros, que foi un éxito o ano pasado e mantense neste 2024 cunha inscrición de 260 atletas (721 completarán a 10K). Ambos os percorridos, coidadosamente seleccionados e homologados pola RFEA para garantir precisión e calidade, destacarán a beleza de Padrón e dos seus arredores, ofrecéndolles aos participantes un desafío atlético único.
Categorías e horarios
Cun total de trece categorías, as probas comezarán cos pitufos e prebenxamíns ás 16.00 e 16.10 horas, respectivamente, en carreiras non competitivas. A partir das 16.20, darase paso ás categorías escolares, que pecharán coa 10K ás 17.30.
Premios e agasallos
Os primeiros clasificados da carreira de 10K, tanto en categoría masculina como feminina, recibirán premios en metálico (250€, 150€, 75€ e 50€ respectivamente), cun premio especial de 50 euros para o mellor corredor local. Ademais, entregaranse trofeos aos tres primeiros de cada categoría, os tres primeiros absolutos, o mellor corredor local, os tres primeiros equipos, o participante máis lonxevo, o club con máis participantes e os tres primeiros das categorías sub 16, sub 18 e da 5K.
A entrega de premios e trofeos terá lugar no Auditorio municipal ás 19.15 horas.
Servizos e loxística
A recollida de dorsais realizarase o sábado no pavillón do Souto de 11.30 a 13.00 e a partir das 15.00 ata media hora antes de cada proba. Os participantes contarán con servizos como duchas, avituallamento intermedio e gardarroupa.
Cortes de tráfico
Por motivo da celebración da proba, haberá cortes ao tráfico rodado en varias rúas entre as 15.30 e as 18.30 horas do sábado.
O corte de circulación afectará ao Campo do Souto á rúa Travesía Feira, accesos, paseo e carril bici da desembocadura do río Sar, rúa Agro do Medio, Praza da Leña e Rúa Castelao.
En canto ao estacionamento, haberá restricións en zonas delimitadas do Campo do Souto e da Praza da Leña, durante a xornada do sábado.
Compromiso local e turismo
Co récord de participación de 1.434 atletas, a Padrón 10K subliña a relevancia e a atracción que gañou ao longo dos anos. Este evento non só destaca polo seu carácter competitivo, senón que tamén desempeña un papel vital na promoción do turismo do concello. A chegada de participantes e espectadores fortalece a reputación de Padrón como anfitrión de eventos deportivos de calidade e impulsa a economía local. O evento repercute de xeito directo na hostalería e no comercio, xerando un impacto positivo na comunidade en xeral.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)