AD

Actualidad

Skadelos cambia de marcha con ‘Un vidón’: «O festival onde máis ilusión nos faría tocar é Revenidas»

today7 julio, 2026

Fondo
share close
AD
  • A banda do Carballiño, gañadora de Onda Chicha, abre unha nova etapa musical estreando novo videoclip, preparando a gravación dun EP e reivindicando o galego como parte esencial da súa identidade

Skadelos vive un momento de crecemento. A banda do Carballiño vén de presentar Un vidón, o primeiro tema que plasma nas plataformas o son eléctrico que o grupo xa viña mostrando nos seus directos. «É a primeira presentación que temos como banda, en formato banda», explicou Dani, guitarrista da formación, durante unha entrevista en Radio Líder Santiago.

O grupo naceu como un proxecto acústico de tres integrantes, pero foi evolucionando ata unha formación de seis músicos con ventos, guitarras eléctricas, baixo e batería. Un cambio que tamén ampliou a súa proposta musical. «Non nos casamos con ningún estilo. Skadelos ten o seu rollo, é o que nos gusta e o que nos sae», sinalou Dani sobre un son que bebe do ska, do pop e do rock.

A publicación de Un vidón responde á necesidade de achegar as gravacións ao potente directo da banda. «A xente que nos viña ver dicía: “Pero isto non era o que escoitei”», lembrou o músico. Por iso decidiron acelerar a produción do tema e do videoclip, nun proceso «moi precipitado» e con «moito traballo por detrás», pero cun resultado que deixa o grupo «moi contento».

A canción pon o foco na amizade e nos pequenos momentos compartidos. «Para nós, ter un vidón é compartilo coa nosa xente, cos amigos e gozar do tempo libre», explicou Dani. «Un vidón non é que che toquen sete millóns e medio. É tomar un café ou unha cervexa cun amigo, ter saúde», engadiu.

Da Sala Capitol á gravación dun EP

A vitoria no concurso Onda Chicha supuxo un importante impulso para Skadelos. A final na Sala Capitol de Santiago xa era, para os integrantes da banda, todo un premio. «Xa chegar á Capitol era unha recompensa de sobra. Nós normalmente estabamos do outro lado do escenario vendo bandas», recoñeceu o guitarrista.

O triunfo permitirá agora ao grupo gravar un EP no estudio Garage Land, cunha posible publicación arredor do Nadal. «Queremos ir paso a paso, ir facéndonos», afirmou Dani. O obxectivo é continuar xirando e chegar preparados á configuración dos carteis dos festivais do próximo verán.

Skadelos tamén fai da defensa do idioma unha parte central da súa identidade. «Gústanos moito reivindicar o galego, o que é noso, o idioma. É algo do que estamos moi orgullosos», destacou o músico, convencido de que «a xente está aberta a escoitalo, entendelo e gozalo».

Coa mirada posta nos escenarios galegos, a banda non agocha un dos seus grandes soños: tocar en Revenidas. «É o noso festival de referencia, o festi ao que máis queremos ir algún ano», confesou Dani.

Mentres ese momento chega, Skadelos continúa sumando concertos, preparando novo material e consolidando unha proposta que busca conectar co público desde o primeiro minuto. «Queremos ir paso a paso», insiste a banda. Con Un vidón, ese novo camiño xa comezou.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *