Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 marzo, 2024
Imaxe de portada: Brais Lojo
A Ría de Arousa e a actividade industrial vinculada á mesma son protagonistas da peza audiovisual que da nome ao último traballo do artista galego
Ribeira, 26 de marzo de 2024.- Maneiro vén de lanzar o videoclip de Un bonito despertar, o tema que dá nome ao seu cuarto disco en solitario. A peza, que se pode ver desde esta mañá na canle de Youtube do cantante, aborda “a piscoloxía do medo no ámbito laboral” e avoga por un cambio que, a ollos do compositor, “é para ben”. “Hai lus na escuridade para quen a busca”, sinala Maneiro. A gravación do vídeo, dirixido polo boirés Rubén Pérez, foi posible grazas á colaboración de Toxo Telecom e da Xunta de Galicia.
A gran protagonista do vídeo é a Ría de Arousa. Distintas localizacións de Boiro, Cabo de Cruz, Rianxo e Pobra do Caramiñal son o escenario no que se desenvolve a historia dunha parella interpretada polo cantautor compostelán Jorge Casal e Iraide Oureital. El, traballador nunha batea, e ela, traballadora nunha fábrica, sufren acotío situacións derivadas “da psicoloxía do medo que exercen as empresas”, explica Maneiro, quen apunta que “é a grande estratexia para calar ás persoas”. “A xente ten medo de quedar na rúa e traga con todo. Non hai tempo para a familia, non podes enfermar. O resultado é estrés, ansiedade, depresión”, sinala o músico. Así, fartos do abuso de poder, falta de educación e da violencia verbal, a parella do vídeo decide iniciar unha nova andaina, “pois o tempo de ser feliz é agora”, asevera Maneiro.
“Un bonito despertar é un cambio, para ben, na vida de dúas persoas que optan, polo ben da súa saúde física e mental, romper co medo e emprender outra etapa”, explica o cantante, quen considera que moita xente “poderase sentir identificada cos personaxes, pois é algo moi común, e nada extraño, atopar xefes, encargados ou mesmo compañeiros que acaban integrando esas estratexias, nuns tempos nos que as persoas só somos números ou robots que compiten por un plus, e o único que se busca por parte da empresa, ao cabo, é o beneficio”.
A peza audiovisual Un bonito despertar é o segundo videoclip que se publica do álbum homónimo de Maneiro, quen vén de rematar a súa xira de inverno por teatros do país. Precisamente durante un destes concertos, na Sala Masterclub de Vigo, rodouse parte do videoclip no que, ademais de Jorge Casal e Iraide Outeiral, Maneiro contou con seguidores do seu proxecto musical como extras. É o caso de Juan Pérez, Marisa Vázquez, Ilmarto e Escubi Viturro.
Entrevista a Maneiro en Radio Líder Santiago
Biografía Maneiro
Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxina co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido.
No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Xa recuperado, en maio de 2023 publica o seu novo LP e o pasado mes de febreiro realiza unha xira de presentación polas salas de concertos e teatros de sete localidades galegas grazas ao apoio da Xunta de Galicia.
Escrito por Líder Redacción
galicia maneiro musica radio lider santiago un bonito despertar videoclip
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)