AD

Actualidad

Marta Abal reclama un censo de vivendas baleiras e un programa para mobilizalas en Santiago

today6 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

A concelleira socialista cuestiona a demora na aplicación da recarga do IBI a 19 vivendas de entidades bancarias e pide combinar as medidas fiscais coa rehabilitación, a captación e as garantías para o alugueiro.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026. O Grupo Municipal Socialista reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín que acelere a elaboración do censo de vivendas baleiras e poña en marcha unha estratexia para incorporalas ao mercado. A concelleira Marta Abal advertiu de que, en plena emerxencia residencial, Santiago segue sen unha radiografía completa do seu parque de vivenda que permita actuar con eficacia.

Abal cuestionou que, máis dun ano despois de aprobar a modificación da ordenanza fiscal, o Concello estea aínda iniciando os procedementos para aplicar a recarga do IBI a 19 vivendas de entidades bancarias. “O Goberno vai moi tarde”, afirmou, tras lembrar que algunhas das vivendas incluídas na documentación municipal “levan baleiras dende o ano 2017” e que os expedientes “xa se podían ter incoado a finais de 2025”.

Para a concelleira, esta demora evidencia a falta de información sobre o alcance da vivenda baleira na cidade. “A pregunta é cantas outras vivendas baleiras en Santiago poderían estar suxeitas a esta medida e a resposta o Concello non a ten”, sinalou.

Neste sentido, insistiu na urxencia de rematar o censo para coñecer cantas vivendas están desocupadas, onde se atopan, en que condicións están e que actuacións poden facilitar a súa incorporación ao mercado.

A edil socialista advertiu de que “mobilizar vivendas non é só aplicar unha recarga fiscal” e defendeu combinar esta ferramenta coa “rehabilitación, a captación, a intermediación e as garantías”, adaptando as medidas á situación de cada inmoble. Ao seu xuízo, a empresa pública municipal de vivenda debería asumir un papel esencial neste traballo, impulsando un banco de alugueiro e programas propios de captación e rehabilitación.

Abal avanzou que a mobilización da vivenda baleira será unha das prioridades do Grupo Municipal Socialista no que resta de mandato. Lembrou que os socialistas xa levaron esta cuestión ao Pleno en dúas ocasións e volveron preguntar polo estado dos traballos. “Non nos cansaremos de dicilo no que reste de lexislatura”, afirmou, antes de anunciar unha nova iniciativa para o Pleno ordinario de outubro.

A concelleira defendeu tamén a necesidade de incrementar o parque público de vivenda protexida de carácter permanente, aínda que recoñeceu que este obxectivo “vai levar tempo”. Por iso, reclamou actuacións inmediatas que permitan incorporar ao mercado parte das vivendas baleiras existentes nun prazo dun ou dous anos. “É necesario mobilizar xa, adoptar medidas xa”, insistiu.

Finalmente, Abal lembrou que o propio Goberno municipal fixara como obxectivo contar co censo de vivenda baleira en 2026. “Estamos en outubro” e “non sabemos absolutamente nada”, criticou. Por este motivo, pediu ao executivo local “dilixencia, que se poñan a traballar e que deixen de anunciar medidas de maquillaxe”, ao considerar que as actuacións anunciadas resultan insuficientes para afrontar o problema da vivenda a curto prazo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *