AD

Actualidad

Médicos, avogados, arquitectos e enxeñeiros reclaman melloras para garantir unha atención de calidade á cidadanía

today22 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  • Os profesionais demandan condicións de traballo dignas e retribucións axeitadas ao seu coñecemento, capacitación, garantía, responsabilidade e experiencia
  • Responsables das institucións colexiais reuníronse na Casa da Conga, sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026.- No marco do seu compromiso coa garantía na prestación dos servizos públicos, recollidos xa na Constitución, os decanos dos Colexios de Arquitectos, Enxeñeiros de Camiños, Enxeñeiros Industriais e Avogados, e o presidente do Colexio de Médicos reuníronse en Santiago de Compostela, na sede do COAG, para defender un sistema que manteña o marco de seguridade e calidade ao que ten dereito a cidadanía.

En conxunto representan máis de 20.000 profesionais, con diversas circunstancias e ámbitos de traballo, pero unidos na defensa do interese xeral e servizo colectivo, para o que “son necesarias unhas axeitadas condicións de traballo, tanto económicas como laborais” segundo declararon. Neste sentido, as institucións colexiais reclaman “unhas retribucións axeitadas ao noso coñecemento, capacitación, garantía, responsabilidade e experiencia”, ademais de “condicións de traballo e xornadas dignas”.

As melloras demandadas encamíñanse a seguir velando pola seguridade e a defensa dos dereitos da cidadanía, unha obriga ineludible para os colexios profesionais recollida na Constitución. Desta responsabilidade derívase a importancia da colexiación obrigatoria, dirixida a garantir o cumprimento dos códigos deontolóxicos de cada profesión.

Ao mesmo tempo reivindican “a defensa da colexiación dos profesionais que traballan nas distintas Administracións como un camiño para que os Colexios Profesionais poidan axudar e colaborar neste proceso continuo de mellora dos servizos públicos e tamén velar pola defensa dos dereitos dos profesionais”.

Os decanos e presidente dos cinco colexios puxeron en valor a formación, xa que é o mellor xeito de asegurar a calidade dos servizos públicos. Respecto ás habilitacións profesionais, resulta imprescindible para manter as garantías esenciais ligadas ó exercicio das profesións que teñen implicación directa na seguridade das persoas, polo que creen necesario seguir a reforzar as canles de comunicación coas universidades.

Por último, mostraron a súa preocupación polas iniciativas de equiparación dos postos superiores da Administración, deixando claro que é importante que se marquen con claridade as diferenzas no marco competencial dos profesionais, así como as súas capacidades e responsabilidades.

Finalmente, aínda con diferentes afeccións nos colexios, manifestaron a súa inquietude pola situación das mutualidades, esperando que se habiliten mecanismos de información e pasarelas voluntarias que permitan aos profesionais acadar as mellores prestacións cando rematen a súa vida laboral.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *