AD

Comarca

Melide anima a desfrutar este venres dunha exhibición de globo aerostático

today10 agosto, 2026

Fondo
share close
AD
  • A iniciativa, organizada pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Melide, ofrecerá un espectáculo visual no que o globo iluminado semellará unha gran lámpada duns 20 metros de altura
  • O aparello estará no miradoiro do Castelo, pero a organización recomenda velo desde calquera punto da vila, xa que se poderá divisar desde varios quilómetros de distancia

Melide acollerá este venres, 14 de agosto, unha exhibición dun globo aerostático, organizada pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Melide.

A actividade coincidirá co inicio das festas de San Roque e desenvolverase unha vez empece a anoitecer.

A exhibición consistirá nun voo ‘cautivo’, no que o globo permanecerá suxeito mediante cordas e realizará ascensos e descensos sobre o mesmo punto, sen desprazarse. As persoas que o desexen poderán contemplar esta experiencia desde calquera punto da vila de Melide, tamén desde o miradoiro do Castelo, onde vai estar o aparello, respectando un perímetro de 50 metros.

As dimensións do globo e a situación elevada do miradoiro farán que se poida observar desde calquera punto da vila, polo que a organización anima a divisalo sen a necesidade de achegarse ao miradoiro. Unha vez iluminado, o globo, duns 20 metros de altura e cun diámetro similar, ofrecerá unha imaxe semellante á dunha gran lámpada suspendida no aire e, pola súa localización, poderá chegar a verse desde varios quilómetros de distancia.

A exhibición de Melide forma parte dunha serie de accións que se desenvolveran en diferentes concellos da comarca e que servirán como paso previo para estudar as posibilidades da zona de cara á celebración, no mes de setembro, dun evento de maior dimensión coa participación de varios globos aerostáticos.

A celebración da exhibición estará condicionada polas condicións meteorolóxicas e técnicas necesarias para garantir a seguridade da actividade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *