Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Melide, 23 de novembro de 2023.- O Concello de Melide convoca unha nova edición do Concurso de Escaparates, un certame consolidado que convida aos establecementos comerciais do municipio a colaborar coa decoración de Nadal enfeitando os seus propios escaparates con motivos alusivos a estas festas. Con este obxectivo, o Concello xa se dirixiu ao conxunto de comercios e de hostalería a través dunha misiva onde o alcalde, José Manuel Pérez Penas, anima á participación e onde se lle achega a cada comercio as bases do concurso.
As mencionadas bases sinalan que poderán participar todos os establecementos comerciais ou hostaleiros situados en Melide, con independencia do produto que oferte. A decoración deberá gardar relación con motivos natalicios, e valorarase a súa orixinalidade, estética, creatividade e montaxe. Ademais, cando haxa algún texto na decoración, este deberá estar escrito en lingua galega.
Os escaparates deberán permanecer decorados polo menos entre os días 11 de decembro de 2023 e 7 de xaneiro de 2024. O concurso repartirá tres premios. O primeiro terá un valor de 1.000€. O segundo, de 500 €. Por último, o valor do terceiro premio será de 250 €. Para participar, os establecementos interesados poderán enviar un correo electrónico a comercio@concellodemelide.gal con data límite 11 de decembro de 2023.
Haberá un xurado designado dende a Concellería de Comercio que valorará os establecementos a concurso e fará pública a súa decisión nun acto que terá lugar o martes 9 de xaneiro no Salón de Plenos do Concello, dando comezo ás 12 da mañá.
Na edición do ano pasado houbo un total de 19 establecementos a concurso, alzándose Mis Mejores Labores co 1º Premio. Carnicería Cardelle e Toysmaniatic Melide fixéronse co 2º e 3º premios, respectivamente.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)