Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 octubre, 2024
O concelleiro de Mobilidade e Convivencia de Santiago de Compostela, Xan Duro, e o policía local Martín Camba, falaron en Radio Líder Santiago sobre os principais desafíos que afronta a capital galega no eido do ocio nocturno, a seguridade viaria e as obras de infraestrutura clave na cidade. Ambos resaltaron a importancia de mellorar a convivencia durante a noite e atallar os problemas recorrentes de atropelos nas rúas máis céntricas da cidade.
Xan Duro subliñou a relevancia de manter un equilibrio entre o ocio nocturno, que forma parte da identidade de Santiago polo seu carácter estudantil, e o dereito dos veciños ao descanso. «Non queremos unha política de sancións constantes, senón unha política de concienciación, sobre todo entre os máis novos, para que entendan o impacto que teñen sobre o resto da cidadanía», explicou Duro. Tamén fixo referencia aos problemas xerados polos botellóns, que, aínda que controlados, seguen presentes en datas sinaladas como a Ascensión e o Apóstolo.
Pola súa parte, Martín Camba, policía local e encargado de impartir charlas nos centros educativos sobre a convivencia e o ocio nocturno, explicou que o obxectivo destas intervencións é que os mozos empaticen cos veciños que están intentando durmir mentres eles disfrutan da noite. “Facemos que se poñan na pel dos veciños mediante vídeos e exemplos reais”, comentou. Ademais, destacou que a policía local non busca multar como primeira opción, senón educar e previr comportamentos que poidan derivar en sancións.
Respecto aos afters (bares que abren cedo pola mañá e acollen a clientela nocturna que desexa prolongar a festa), Duro subliñou que, aínda que estes locais teñen licenza para operar, seguen sendo un foco de problemas debido ao comportamento dalgúns clientes que fan ruído na rúa. “Hai un control estrito, pero tamén necesitamos a colaboración da veciñanza para manter a orde», explicou o concelleiro.
En canto á seguridade viaria, Duro mencionou que en Santiago se están a tomar medidas para reducir o número de atropelos, que nas últimas semanas aumentaron de maneira preocupante, especialmente no Ensanche. “Estamos facendo modificacións no tráfico, como a substitución de varios cedas por stops nos cruces máis perigosos, para obrigar os vehículos a parar antes dos pasos de peóns”, apuntou. O concelleiro sinalou que estas medidas son necesarias para evitar situacións de perigo en zonas con alta densidade de tráfico e tránsito peonil.
Outro dos puntos destacados da entrevista foi o anuncio das obras de remodelación da rúa Virxe da Cerca, unha das arterias principais da cidade, que afectará tanto ao tráfico como á vida diaria dos veciños e negocios, previo proceso de selección de ideas a nivel internacional. Xan Duro tranquilizou á veciñanza explicando que os vehículos que teñan que acceder por necesidade (como clientes da praza de Abastos, escolares e residentes) seguirán podendo facelo. “O que queremos evitar é o tráfico de paso, o que usa Virxe da Cerca como atallo. Para iso, os condutores deberán usar as vías principais como a circunvalación ou a avenida de Lugo”, afirmou. «Os praceiros deben estar tranquilos, xusto quitaremos os coches que non van ao Mercado de Abastos», concluiu.
A entrevista completa no seguinte enlace.
Written by: Líder Redacción
Entrevista mobilidade obras politicia radio lider santiago virxe da cerca
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)