AD

Actualidad

Mercedes Peón, Grande Amore e Carunchos encabezan o Festigal 2026

today19 junio, 2026

Fondo
share close
AD

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2026. O Festigal celebrará os próximos 24 e 25 de xullo no Campus Vida de Santiago de Compostela unha nova edición marcada pola defensa da cultura galega, a participación comunitaria e o asociacionismo, nun evento de entrada gratuíta que se consolida como unha das principais citas culturais do verán en Galicia.

Durante a presentación oficial do festival, a coordinadora xeral do Festigal e secretaria da Fundación Galiza Sempre, Lucía Veciño, destacou que o evento “non aspira a ser un macrofestival”, senón que pretende “brillar coa luz propia que fai o traballo colectivo e a colaboración de todas e todos, desde os artistas e as asociacións ata as editoriais”. Ademais, amosou unha visión crítica sobre o reparto de fondos públicos por parte da Xunta de Galicia, ao considerar que se priorizan festivais con programación maioritariamente en castelán fronte a iniciativas comprometidas coa creación en galego.

A programación musical arrancará o 24 de xullo ás 21.45 horas coa actuación de Fuego Lolita, banda compostelá gañadora do certame Novos Valores desta edición. Na mesma xornada actuarán tamén Nadie González, Mercedes Peón e Grande Amore, un dos artistas xa habituais do festival. O sábado 25 será a quenda das Kuartetas na carballeira, Carunchos, Orquestra Bravú Xangai e Maruxa e Coralia Dilleis, encargadas de pechar a noite.

Fuego Lolita: do local de ensaio a gañar a sétima convocatoria de Onda Chicha e actuar no Festigal

O Festigal ofrecerá tamén unha ampla programación cultural e familiar. A Feira do Libro reunirá unha ducia de editoriais e librarías, mentres que o Espazo de Mercado contará coa participación de arredor de medio cento de profesionais da artesanía. A Galería das Letras e das Ideas acollerá debates e presentacións, e o Festigal Miúdo volverá ser un dos espazos centrais para o público infantil. Como novidade desta edición, incorporaranse unha mesa de sinaturas e un obradoiro de castells organizado pola asociación Castells de Santiago.

A deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, destacou o apoio institucional ao evento e puxo en valor o lema desta edición, “Poder Popular”, que definiu como unha expresión da forza colectiva do pobo galego. Agra cualificou o Festigal como un espazo de encontro interxeracional no que a lingua, a identidade e o orgullo de pertenza ocupan un lugar central, e agradeceu o labor organizativo da Fundación Galiza Sempre e de Galiza Nova.

Pola súa banda, o secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gaviás, definiu o Festigal como un “festival de referencia” para a normalización da lingua e da cultura galegas. Gaviás puxo o foco no carácter autoxestionado do evento e no traballo desenvolvido por centos de persoas voluntarias vinculadas a Galiza Nova, ao BNG e ao conxunto de simpatizantes que colaboran na súa organización.

O responsable xuvenil denunciou tamén a falta de apoio institucional a proxectos culturais en galego e asegurou que o Festigal demostra ano tras ano a capacidade de convocatoria da música feita na nosa lingua.

A organización informou ademais de que o festival contará cun dispositivo sanitario coordinado co 061 e Protección Civil, así como cun Punto Lilá e un protocolo de actuación contra agresións que foi pioneiro en Galicia hai doce anos.

Con entrada gratuíta e unha programación diversa para todos os públicos, o Festigal reafírmase como unha cita cultural e reivindicativa que aposta pola lingua, a creación galega e a construción colectiva de comunidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *