AD

Comarca

Moción conxunta en Brión para solicitar máis recursos humanos para o CEIP Pedrouzos

today11 septiembre, 2024

Background
share close
AD
  • O Pleno aprobou o pago das cotas provisionais á Mancomunidade Serra do Barbanza pola prestación do servizo de recollida do lixo

11 de setembro de 2024– Os tres grupos municipais do Concello de Brión (PSOE, PP e BNG) aprobaron unha moción conxunta para solicitar máis recursos humanos para o CEIP Pedrouzos. Unha iniciativa promovida polo grupo de Goberno na que os tres grupos municipais acordaron “manifestar o seu apoio ás reclamacións presentadas pola Dirección do CEIP Pedrouzos, a ANPA Andaravía e a Concellería de Educación do Concello de Brión diante da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia”.

Así, a corporación brionesa solicítalle á Xunta que cubra a vacante do titor/a de Primara cunha persoa a tempo completo e a incorporación dun mestre/a de Pedagoxía Terapéutica para garantir unha atención de calidade tanto ao alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo como ao alumnado con Necesidades Educativas Especiais.

Así mesmo, solicítase autorización para repartir o alumnado de 4º de Primaria en catro grupos, para así manter a ratio de alumnado por clase por debaixo dos 25 alumnos/as, e unha solución definitiva á provisionalidade do Departamento de Orientación do CEIP Pedrouzos, achegando un segundo posto de orientador/a. Finalmente, pedíuselle á Consellería que achegue a financiación suficiente para cubrir as necesidades do comedor escolar brionés ou que facilite a contratación dos monitores/as precisos para atender as necesidades do alumnado.

Apoio á comunidade educativa

Neste sentido, a voceira do Grupo de Goberno, Sandy Cebral, sinalou que “sempre estaremos a carón da comunidade educativa de Brión” e reiterou que “sempre avogaremos por unha educación que ofreza as máximas garantías. Estamos co colexio, estamos cos pais e, sobre todo, cos nenos e nenas de Brión”. Así, recordou a participación do alcalde, Pablo Lago, e de varios concelleiros na concentración desta mañá diante do centro escolar.

Preguntada cal sería a postura do Concello se nalgún momento do curso non houbera o monitorado necesario para prestar o servizo de comedor, Sandy Cebral asegurou que “como é ben sabido, este Concello ten chegado incluso durante a pandemia a asumir o gasto dos monitores para o mantemento do servizo do comedor no colexio”, a pesar de non ser unha competencia municipal. Incluso lembrou que o Concello lle solicitara á Inspección de Educación que lle indicara unha fórmula acorde coa normativa vixente que permitira á administración municipal colaborar co mantemento dos monitores do servizo de comedor. “Foi hai dous anos e, a pesar de que temos insistido varias veces dende entón, aínda non temos resposta”, sinalou Sandy Cebral, “pero xa actuamos unha vez e, se fora necesario, volveríamos a facelo xa que os nosos nenos e nenas son o primeiro”.

Mancomunidade

Por outra banda, o pleno municipal aprobou o pago das cotas provisionais á Mancomunidade Serra do Barbanza pola prestación do servizo de recollida do lixo. Unhas cotas acordadas nunha recente reunión da xunta de alcaldes da Mancomunidade e debido á caducidade do contrato, que obriga a prorrogar o mesmo coa actual empresa concesionaria, e a débeda da entidade con FCC. Estas novas cotas provisionais estarían vixentes entre o 1 de xaneiro de 2024 ata a aprobación dos orzamentos definitivos por parte da Mancomunidade.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, nestes momentos presidente tamén da Mancomunidade Serra do Barbanza, explicou que “se queremos ter un servizo de calidade como o que temos, hai que pagalo, e se os traballadores están facendo o seu labor e recollendo o lixo, hai que pagarlles”. A aprobación saíu adiante cos votos a favor do grupo de Goberno e as abstencións de PP e BNG.

 

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%