AD

Comarca

Música, tradición e identidade: Bugallido prepárase para tres días de festa sen descanso

today14 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

A parroquia de Bugallido volverá converterse esta fin de semana nun dos grandes epicentros culturais e festivos do municipio de Ames coa celebración da terceira edición da Carballeira das Letras e da tradicional festa de San Isidro. Un programa amplo, diverso e interxeracional que combinará literatura, música, folclore, gastronomía e convivencia veciñal nunha cita que medra ano tras ano.

Durante unha entrevista concedida a Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago, Martín Ramos —integrante de varias das asociacións organizadoras— puxo en valor o enorme traballo colectivo que hai detrás dunha programación “moi pensada e moi traballada”, impulsada desde o tecido asociativo da parroquia.

“Intentamos procurar un espazo comunitario de celebración onde conxugar letras, lingua, música, gastronomía e lecer”, explicou Ramos, quen destacou que a filosofía da Carballeira das Letras pasa por “fortalecer a comunidade arredor da cultura galega”.

A iniciativa está promovida polo Centro Cultural Mahía, a Asociación Veciñal San Pedro de Bugallido e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, entidades que levan meses preparando unha programación que arrancará o venres 15 de maio cun acto institucional e un faladoiro-recital arredor da figura da autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas, Begoña Caamaño.

Na presentación participarán nomes destacados da cultura galega como Guadi Galego, Ana Romaní e Andrea Núñez Brións, todas elas persoas moi vinculadas á escritora homenaxeada.

“Seguramente nos van sorprender con recitais, música e algunha outra cousa especial”, avanzou Ramos durante a conversa radiofónica.

O sábado será a gran xornada cultural da Carballeira das Letras, cunha intensa programación desde o mediodía. Haberá espectáculos de narración e música, sesión vermú, xantar campestre, postos de gastronomía galega, foliadas, actividades tradicionais e concertos.

Entre os pratos fortes destaca a actuación de Tiruleque como peche musical da xornada, ademais da proposta innovadora do Colectivo do Flow, que achegará improvisación, teatro e interacción co público.

A organización tamén quixo reivindicar o papel da carballeira como espazo simbólico da cultura popular galega.

“Queremos recuperar a carballeira como lugar de encontro, como espazo onde historicamente se compartiron grandes momentos”, sinalou Martín Ramos, quen subliñou ademais a importancia de adaptar esas tradicións “ao mundo contemporáneo”.

Xa o domingo chegará a tradicional festa de San Isidro, unha das citas máis agardadas pola veciñanza, cun completo programa festivo que incluirá misa, sesión vermú, gastronomía popular, xogos infantís e a actuación da orquestra Suavecito.

Ao longo da entrevista, Ramos tamén puxo en valor o dinamismo cultural que vive actualmente Ames e, especialmente, o interese crecente das novas xeracións pola música e o baile tradicional galego.

“Estamos nun momento de máximo interese pola cultura tradicional. Hai moitísima xente nas escolas de baile, pandeireta, tambor ou gaita”, destacou.

Segundo explicou, este rexurdir cultural representa “unha oportunidade fabulosa” para fortalecer tanto a lingua como a participación social.

“Non só queremos ser espectadores da cultura, senón tamén creala e desenvolvela”, afirmou.

Desde a organización fan un chamamento aberto á veciñanza de Ames, Santiago e toda a comarca para achegarse durante esta fin de semana a Bugallido. “Estamos a cinco minutos de Compostela e todos están convidados a celebrar con nós”, concluíu Martín Ramos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *