Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Solicita a posta en marcha de plans de inspección e programas de acción para loitar contra esta lacra nocturna que en Galicia afecta a máis de 15.000 familias
Os presidentes das asociacións de veciños Cidade Histórica FONSECA de Santiago, Orzán-Pescadería da Coruña e O Cimborrio do Casco Histórico de Ourense asinaron a acta fundacional, designaron a xunta directiva e aprobaron os estatutos
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- A Federación Galega contra a Contaminación Acústica constituíuse hoxe oficialmente nun acto celebrado en Santiago, no Centro sociocultural Maruxa e Coralia. Os presidentes das asociacións de veciños Cidade Histórica FONSECA de Santiago, Orzán-Pescadería da Coruña e O Cimborrio do Casco Histórico de Ourense, Roberto Almuíña, José Luis Méndez e Carlos Vence, asinaron a acta fundacional da nova entidade.
No encontro tamén se procedeu a designar a xunta directiva da Federación, composta polo presidente –Carlos Vence (presidente da Asociación O Cimborrio do casco histórico de Ourense)–; secretaria –María José Lorenzo (vogal da Asociación de veciños da Cidade Histórica FONSECA)–; vicepresidente –José Luis Méndez (presidente da Asociación Agrupación de veciños Orzán-Pescadería)–; tesoureiro –Roberto Almuíña (presidente da Asociación de Veciños Cidade Histórica FONSECA)–; e vogal –Ana María Iglesias (secretaria da Asociación O Cimborro do Casco Histórico de Ourense).
Outras asociacións veciñais –Zona Centro de Vigo, Rosalía de Castro de Betanzos, Asociación Raigame de Santiago, Asociación viguesa contra o ruído, Asociación Río Sarela de Santiago, Asociación de veciños Centro de Lugo, Asociación Xoan – Bertón de Ferrol– xa manifestaron a súa intención de integrarse na Federación, aínda que teñen que agardar a celebrar as súas correspondentes asembleas xerais para poder acordar a súa integración na Federación, que a partir de aí ampliará a súa xunta directiva. “España é o país máis contaminante acusticamente de Europa, e o segundo do mundo. En Galicia hai máis de 15.000 familias afectadas” –afirmou Carlos Vence, que tamén indicou que a Federación galega integrarase proximamente na Federación de Asociaciones Contra el Ruido.
Ademais, aprobáronse por unanimidade os estatutos da Federación. O seu plan de acción centrarase en visibilizar a contaminación acústica nocturna que afecta a moitos dos veciños; sensibilizar a sociedade, administracións, lexisladores e responsables políticos sobre esta contaminación; recoller e estruturar os recursos dos que dispón a Federación para mellorar a súa capacidade de defensa e acadar resultados positivos para a veciñanza na loita contra a contaminación acústica; e esixir as autoridades competentes o fin da tolerancia e o cumprimento efectivo da normativa vixente.
Tamén se destaca no seu plan actuar no eido lexislativo, co Concello, Xunta de Galicia e Parlamento de Galicia para mellorar de maneira significativa as normativas actualmente en vigor; demandar a dotación de persoal, tanto administrativo como policial, e dos medios necesarios para acadar unha resposta axeitada e eficaz para atender as denuncias dos veciños; pedir as autoridades responsables o deseño e posta en marcha de plans de inspección e programas de acción en materia de loita contra a contaminación acústica nocturna.
Peticións a Xunta de Galicia: Modificación do decreto dos horarios e revisión da taxa de reposición da contratación pública
Roberto Almuíña destacou a necesidade de que a Xunta de Galicia modifique o decreto dos horarios, e estableza unha nova normativa similar á do País Vasco, onde se distingue entre un horario ordinario de luns a xoves –coa súa correspondente restrición horaria– e un horario de fin de semana de venres a domingo.
Tamén Almuíña, aproveitando a conxuntura preelectoral, formuloulle aos candidatos ao Goberno autonómico a necesidade de repoñer persoal policial e funcionario para que as institucións poidan funcionar con normalidade. “É preciso revisar a taxa de reposición, cun criterio de servizo á cidadanía, xa que actualmente impídese o normal funcionamento dos concellos” –indicou–.
Aínda que queda moito por andar, Roberto Almuíña sinalou que a Federación pedirá reunións coa Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia e coa Valedora do Pobo para coñecer as súas visións sobre a contaminación acústica e as ferramentas que pode utilizar a cidadanía para a súa defensa.
En canto á situación en Santiago, Roberto Almuíña lembrou que nesta cidade xa está en marcha a Plataforma contra a Contaminación Acústica Nocturna, integrada a día de hoxe por oito Asociación de Veciños –. Esta plataforma reuniuse a finais de 2023 coa alcaldesa e cos representantes policiais da Policía Nacional e Local de Santiago para transmitirlles a súa preocupación polo estado actual do problema. “Moitos veciños teñen que abandonar as súas casas ao non aguantar máis a situación, xa que non poden durmir polo ruído nocturno e mesmo acaban con problemas serios de saúde” –manifestou–.
Un problema social causante de graves complicacións de saúde no Orzán, que se prolonga durante máis de trinta anos
José Luis Méndez explicou que o caso do barrio coruñés do Orzán xurdiu cando se creou esta zona de ocio nocturno fai máis de trinta anos. “Houbo unha esaxeración de licenzas outorgadas aos establecementos do ocio nocturno, o que converteu ao Orzán na sede de pelexas e ruído da Coruña, pero o problema está a pé de rúa, onde viven os veciños e veciñas do barrio” –asegurou–.
Segundo indicou Méndez, o ruído e o negocio do ocio nocturno provocaron que moitos veciños e veciñas, dos 7.000 que habitan o barrio, se fosen das súas casas, o que se materializou no abandono de moitas vivendas. Coa formación hai cinco anos da Asociación Agrupación de veciños Orzán-Pescadería, o seu presidente asegurou ter conseguido visibilizar este problema, mesmo coa gravación de vídeos para deixar constancia do que sucede durante unha noite de festa.
“É un problema social ao que non se lle deu o lugar que lle corresponde, xa que a clase política non o atalla. Conleva problemas de saúde, con ataques de ansiedade polo ruído, mesmo tomando pastillas para durmir e ter que trasladarse á casa dun familiar na fin de semana para poder descansar. Hai falta de sensibilidade tanto dos que fan ruído como dos políticos” –relatou–. Así, o presidente da asociación coruñesa subliñou que a Federación Galega contra a Contaminación Acústica créase para facer fronte ao poderoso lobbie que conforma a industria do ocio e “conseguir así que se escoite a nosa voz”.
Inacción por parte do Concello de Ourense, principal reclamo da Asociación O Cimborrio
O presidente de O Cimborrio de Ourense, Carlos Vence, explicou que o casco histórico da cidade, a pesar de ter menos de medio quilómetro cadrado de extensión, conta cuns 200 locais dedicados ao ocio, ben sexan establecementos hostaleiros ou pubs, que abren durante todo o ano con todas as festas incluídas ata as 7:30 horas. Ante esta saturación e a correspondente contaminación acústica xerada a raíz da súa actividade, a asociación fixo chegar as oportunas queixas ao Concello.
Nunha auditoría para analizar o ruído de 32 locais, realizada por técnicos municipais, concluíuse que o 100% dos establecementos auditados incumprían a normativa e non se sancionou. Pero a pesar desta evidencia ningún local foi sancionado e o problema persiste. Carlos Vence sinalou que a cuestión, que comezou a xerarse a partir de 2002, está en que se permitiu abrir locais sen a licencia axeitada para o seu uso. “Grazas ao traballo de investigación e a compromiso coa legalidade da concelleira de Urbanismo pecháronse catorce locais. É un problema de compromiso político, de todas as administracións públicas” –indicou–.
Tal é o esforzo da asociación que neste pasado Entroido contratou unhas medicións acústicas para pescudar o nivel exacto de ruído. Carlos Vence apuntou que, cando os decibelios deberían situarse nun máximo de 25dBA, nestas medicións chegaron a alcanzar os 100 decibelios. “Ante esta situación insostible, moitos veciños abandonan as súas vivendas” –afirmou–.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)