Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 julio, 2025
Un tráxico suceso conmociona o municipio de Ribeira tras unha pelexa multitudinaria durante unha pedida de man entre dúas familias, unha da propia localidade e outra de Santiago. O alcalde, Luís Pérez Barral, confirmou en Radio Líder Santiago que hai “seis persoas detidas, un falecido e varios feridos de diversa consideración” como consecuencia do altercado.
O suceso tivo lugar nun centro social que inclúe espazos culturais, deportivos e unha zona de restaurante, considerado polo rexedor como “un sitio moi tranquilo, onde nunca se produciu unha situación como esta”. A celebración, que reuniu entre 60 e 70 persoas, acabou cunha vítima mortal por atropelo, segundo declarou Pérez Barral: “A persoa falecida foi a causa dun atropelo cando fuxían dende unha furgoneta”.
O alcalde desprazouse ao lugar dos feitos poucos minutos despois de ter coñecemento e estivo “ata a entrada da noite” coordinando cos corpos de seguridade e a subdelegación do Goberno. “Soliciteille a María Rivas un reforzo policial en Ribeira para garantir que a seguridade se mantén e que non volva a haber ningún tipo de trifulca”, apuntou.
Pérez Barral non confirmou o número exacto de feridos nin a identidade completa do falecido, aínda que indicou que “era familia dos de Santiago e un varón de mediana idade, darredor duns 36 anos”. Respecto a posibles represalias, asegurou que “esperamos que non haxa, pero imos reforzar esa presenza policial os días que faga falta”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)