AD

Destacado

O alcalde de Ribeira sae na defensa do sector pesqueiro: «Supón o 32% do PIB local»

today24 octubre, 2024

Background
share close
AD

O alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, participou nunha extensa entrevista con Álvaro Veiga, director de Radio Líder Santiago, onde abordou os principais desafíos e proxectos para o futuro do municipio. Entre os temas destacados, Pérez Barral subliñou a importancia de priorizar os servizos básicos, como o acceso a auga potable e saneamento, así como a democratización da vida municipal e a defensa do sector pesqueiro, motor económico clave da zona.

Un dos temas principais da entrevista foi a necesidade de dotar de servizos básicos ás áreas máis desatendidas de Ribeira. Pérez Barral fixo fincapé en que, a día de hoxe, aínda existen vivendas sen acceso á auga da traída ou saneamento. «Temos que priorizar o benestar dos nosos veciños antes que grandes infraestruturas. A calidade de vida comeza por ter servizos esenciais», afirmou.

Ademais, o alcalde puxo en valor a súa política de portas abertas no concello, sinalando que calquera veciño pode achegarse e ser escoitado, fomentando así un diálogo directo e constante coa cidadanía.

O rexedor de Ribeira durante a entrevista

O sector do mar é un dos alicerces da economía de Ribeira, aportando máis do 32% do PIB local. Non obstante, Pérez Barral amosou a súa preocupación polo futuro deste sector, que se atopa en risco debido a varias ameazas ambientais, como a enerxía eólica mariña e a contaminación das rías. «Estamos loitando para que o sector pesqueiro sexa declarado de interese xeral, porque é esencial para a nosa comunidade», destacou.

Entre os proxectos que poden prexudicar o ecosistema mariño, mencionou a mina de Touro e a industria de celulosa Altri, que poderían contaminar as augas que nutren as rías da comarca. O alcalde insistiu na necesidade de informes preceptivos para calquera proxecto que poida afectar ao sector pesqueiro.

Outro tema clave foi a problemática da vivenda en Ribeira. Pérez Barral recoñeceu que os prezos dos alugueiros son altos, especialmente debido á presión turística estacional. Moitos propietarios ofrecen vivenda só de setembro a xuño, obrigando aos inquilinos a abandonar as súas casas durante o verán. «É inaceptable que a xuventude non poida emanciparse por mor deste tipo de contratos. Precisamos solucións urxentes para ofrecer vivendas accesibles e de calidade durante todo o ano», declarou.

A pesares de intentar promover vivenda protexida, o alcalde lamentou que Ribeira non fora incluída no plan de vivenda da Xunta de Galicia, unha decisión que cualificou de «sorpresiva».

O rexedor tamén falou dos plans de revitalización urbana en Ribeira, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e crear máis espazos verdes para a cidadanía. Proxectos como a reforma da Praza do Centenario e a Rua Otero Pedrallo xa están en marcha, apostando por «reverdecer» o centro urbano e eliminar espazos excesivamente duros.

Momento da entrevista en Radio Líder Santiago

A colaboración coa Xunta de Galicia é outro tema relevante para o futuro desenvolvemento de Ribeira. Pérez Barral destacou a importancia de proxectos como o futuro polígono industrial de Ribeira, que precisa un forte investimento para poder ser desenvolvido. Aínda que o alcalde afirma ter boas relacións co goberno central e a Deputación da Coruña, agarda que a Xunta «acepte a man tendida» para colaborar en proxectos fundamentais para o concello.

En canto ao futuro político, Luis Pérez Barral comentou que se centrará en seguir traballando para mellorar Ribeira durante o resto da súa lexislatura. Sobre unha posible reelección, asegurou que «serán os veciños quen decidan», pero está disposto a continuar se a cidadanía así o considera».

A entrevista completa no seguinte enlace.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%