AD

Comarca

O BNG reprocha a “falta de lealdade institucional” do alcalde de Brión e critícalle o “servilismo” coa Xunta

today2 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

 

Brión, 2 de marzo do 2026.- O Bloque Nacionalista Galego de Brión reprocha a “falta de lealdade institucional” do alcalde de Brión e o seu “servilismo” coa Xunta de Galicia. Nunha recente entrevista en Radio Líder Santiago, Pablo Lago chega incluso a realizar “afirmacións manifestamente falsas” que non só comprometen a outras institucións, senón que “botan sombra de dúbida sobre procesos públicos que son transparentes e garantistas”.

En concreto, na dita conversa o rexedor brionés pronunciouse sobre o derrubamento, hai un mes, da ponte de Vidaloíso, na parroquia de Bastavales, por mor das intensas chuvias. A este respecto, lamentouse do sucedido porque xa tiña, segundo a súa versión, un compromiso económico da Área de Patrimonio da Deputación da Coruña para arranxar esta infraestrutura.

“Este concelleiro, que ademais é o responsábel da Área de Patrimonio da Deputación, nega as palabras do alcalde e esíxelle unha rectificación tan pública como foi a súa entrevista”, afirma o voceiro municipal do BNG, Xosé Penas. “A axuda solicitada polo Concello forma parte dunha liña de subvencións que aínda está en fase de avaliación e, polo tanto, non resolta”, aclara.

“Como ben di o alcalde na mesma entrevista, en política ‘hai que ser responsábel’, por iso esiximos a súa rectificación”, subliña Penas.

Por outra banda, “a ponte de Vidaloíso levaba anos nun estado de absoluto abandono por parte do Concello de Brión e co completo desinterese da outra administración con competencias, a Xunta, a través de Augas de Galiza”, apunta Penas. “Non entendemos por que Pablo Lago se desfai en eloxios ao Goberno galego, afirmando que cumpre con todo o que solicita, e non lle pida contas por deixar esmorecer a ponte”, abunda o voceiro do BNG.

Xa nunha asemblea aberta coa veciñanza de Bastavales, o pasado 30 de novembro, era “un clamor” a necesidade de rehabilitar a ponte canto antes e volvela abrir ao tráfico, que estivo tres meses pechado até que se acabou producindo o seu derrubamento. “Se agora hai que ir ‘buscar as pedras a Padrón’, como ironiza Pablo Lago na súa entrevista, é polo desleixo de anos do Concello e da Xunta de Galiza”, conclúe Penas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *