Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 marzo, 2026
O equipo de competición da escola de FitKid, baile e acrobacia E-motion, con sede en Bertamiráns, asinou unha estrea soñada na súa primeira participación oficial nun campionato interautonómico, celebrado este pasado domingo, 1 de marzo, no pavillón da Marazuela, en Las Rozas (Madrid). Todas as coreografías presentadas pola escola de Ames lograron subir ao podio. Un pleno de podios que supera calquera expectativa inicial e que confirma o gran traballo realizado durante os últimos meses. Ademais, a organización de Fit Kid España fixo entrega dunha placa de recoñecemento ao director da escola, Edu López, por ser E-motion a primeira escola oficial de FitKid en Galicia.
A cita reuniu a clubs procedentes de Madrid, Aragón, Castela e León e a E-motion como única escola representante de Galicia nesta disciplina artístico-deportiva. O resultado non puido ser mellor xa que todas as coreografías presentadas pola escola de Ames lograron subir ao podio. Un pleno de podios que supera calquera expectativa inicial e que confirma o gran traballo realizado durante os últimos meses.

Resultados individuais:
-Noa Lema: segunda clasificada en FitKid Promo Baby.
-Irati Pérez: primeira clasificada en FitKid Baby.
-Águeda Abaña: segunda clasificada en FitKid Promo Kid 1.
-Maré Carballedo: primeira clasificada en FitKid Promo Kid 1.
Resultados por equipos:
-Equipo Baby: primeiras clasificadas na modalidade FitKid.
-Equipo Kid: primeiras clasificadas na modalidade FitKid Promoción.
-Equipo Júnior: primeiras clasificados na modalidade FitKid Promoción.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca “o gran traballo que se está realizando pola academia amesán E-motion, que se veu reflectido no Campionato interautonómico de Madrid con pleno de podios en todas as coreografías que presentaron. Quero felicitar a este grupo de nenas e nenos que practican FitKid, aos seus profesores e profesoras, e por suposto as súas familias”.

Entrega dunha placa de recoñecemento
Ademais, o campionato deixou un momento especialmente significativo para a expedición galega. A organización de Fit Kid España fixo entrega dunha placa de recoñecemento ao director da escola, Edu López, por ser E-motion a primeira escola oficial de FitKid en Galicia, un fito que consolida o crecemento desta disciplina na comunidade.
O director e coreógrafo valorou así a experiencia: “conseguir estes resultados na nosa primeira competición foi unha emocionante sorpresa e un auténtico xute de motivación para a nosa participación no Campionato de España”.
O apoio das familias
Ademais, Edu López destacou o valor humano da viaxe. “A nivel persoal, esta experiencia foi moi positiva para crear aínda máis equipo, máis piña. E iso sempre acaba reflectíndose no traballo que se presenta sobre a pista”.
O ambiente vivido durante a fin de semana foi outro dos grandes protagonistas. O apoio das familias resultou clave tanto na preparación como na competición. “A participación das familias en toda a preparación previa —maquillaxes, peiteados, organización— foi incrible, do mesmo xeito que o ánimo constante desde as bancadas. Sen dúbida, a mellor afección é a galega”. A expedición regresou coa satisfacción do traballo ben feito, pero tamén coa humildade de quen sabe que isto é só o principio dun camiño ilusionante.

Campionato de España
A próxima gran cita será o Campionato de España, que se celebrará do 30 de abril ao 3 de maio en Blanes (Xirona), onde E-motion competirá coa mesma emoción e a mesma humildade coa que afrontou o seu debut no Campionato interautonómico de Madrid.
Con este brillante arranque, E-motion non só consolida o crecemento do FitKid en Galicia, senón que demostra que o traballo en equipo, o compromiso e a paixón poden converter os soños en realidade desde o primeiro paso.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)