Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 septiembre, 2026
María Vilas, directora do centro, «Atopámonos nun momento de madurez e consolidación absoluta. Hoxe no CD Rois estamos ao 100% de ocupación, non somos un recurso só para Rois; somos un piar comarcal. Isto demostra que o traballo diario da nosa equipa funciona e que a necesidade de apoiar a conciliación e o envellecemento activo na contorna é real.»
O Centro de Día (CD) de Rois, pertencente á rede de centros da Xunta de Galicia cumpre 16 anos de compromiso directo co benestar, a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores. Para celebralo, o vindeiro venres, 25 de setembro, entre as 16:00h e as 18:00h, as instalacións do centro acollerán un acto institucional e festivo moi especial que, nesta ocasión, xirará arredor dunha temática arraigada na identidade galega: a posta en valor das verbenas e o baile como históricos espazos de cortexo e socialización.
O recurso consolidouse como un piar fundamental para a conciliación e o coidado na comarca. María Vilas, directora do CD Rois, quixo poñer en valor o camiño percorrido e o esforzo humano que hai detrás do proxecto: «Estes 16 anos de traxectoria son o reflexo do traballo diario e rigoroso de toda a equipa técnica e de coidados do centro. Hoxe damos un servizo esencial non só a Rois, senón tamén a concellos da contorna como Santiago, Ames, Teo, Brión e Negreira. Dispoñemos de 40 prazas e actualmente o noso nivel de ocupación é do 100%, o que demostra a necesidade deste espazo».
Vilas, tamén aproveitou para amosar a súa gratitude: «Queremos dar as grazas de corazón ás persoas maiores e ás súas familias pola confianza que depositan en nós. Cada día traballamos para que o centro sexa un fogar e unha familia para todas elas».
Música, coreografías propias e talento local
O movemento e a música serán os fíos condutores do aniversario. Os asistentes poderán gozar de varias pezas de baile ensaiadas polas propias persoas usuarias do centro. Lita, Manolo, Pepe e María porán en escena a coreografía “As mociñas”; o usuario coñecido como Conde defenderá o baile de “Licor café” do artista Ortiga; e, finalmente, abrirase o escenario a todo o grupo coa peza “Cousiñas xustas” de Pili Pampin. A programación artística completarase coa proxección do vídeo O Chirimbolo e unha exhibición a cargo dunha parella de baile profesional.
Como broche de ouro musical, o acto contará coa participación de recoñecidos artistas convidados, incluíndo as actuacións de Da Castela e Aleix Toxiño e alguna sorpresa.
Recoñecemento e peche institucional
A xornada cultural e lúdica non esquecerá a posta en valor do esforzo diario. Antes do remate, activarase unha entrega de premios para galardoar diferentes fitos do ano. O acto finalizará contra as 18:00 horas coas intervencións de peche por parte das autoridades presentes, quen ratificarán o apoio institucional a este servizo que hoxe en día colga o cartel de completo.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)