Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 abril, 2026
Anxo Arca entrégalle unha placa conmemorativa a familiares de Manuel Agrasar Cajaraville 'Barbarroxa'
Padrón.14-4-2026.- O Auditorio Municipal de Padrón acolleu esta tarde o acto central da terceira edición do Día da Memoria Democrática Padronesa, unha cita institucional impulsada polo Concello para honrar as persoas represaliadas polo franquismo e promover os valores da xustiza, da liberdade e da memoria.
O evento estivo presidido polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, e contou coa asistencia da rexedora de Pontecesures, Maite Tocino Barreiro; da investigadora do Grupo Histagra da USC Lucía Santiago Sanmiguel e dunha representación familiar do homenaxeado.
Durante o acto, Anxo Arca lembrou que esta conmemoración tende a consolidarse no calendario da vila “porque Padrón necesitaba espazos para falar da verdade, para deixar constancia de aquilo que durante moitas décadas permaneceu silenciado polo medo”. “A memoria das vítimas do golpe de Estado, a Guerra de España e a ditadura franquista, o seu recoñecemento, reparación e dignificación representan un inescusable deber moral na vida política e é signo de calidade da democracia”, defendeu.
Este ano, o Concello rendeu homenaxe a Manuel Agrasar Cajaraville, coñecido como O Barbarroxa, guerrilleiro antifranquista nado en Padrón o 17 de xuño de 1911 e falecido en Loureiro (Luou, Teo) o 19 de maio de 1948.
O alcalde relatou como Manuel Agrasar, xunto con outros mariñeiros da tripulación do destructor José Luís Díez, foron xulgados por rebelión e condenados a cadea perpetua en 1939 por ter prendido aos oficiais e posto o navío ao servizo da República, segundo consta na causa correspondente.
En 1941 saíu da prisión e posteriormente integrouse na V Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, liderada polos coñecidos guerrilleiros Benigno Andrade Foucellas e José Remuiñán Barreiro Ricardito.
O 19 de maio de 1948, o grupo foi localizado pola Garda Civil nunha casa en Loureiro (Luou). Tras o incendio da vivenda onde se refuxiaban, Manuel Cajaraville morreu xunto con tres compañeiros –Florentino Menéndez Palacio, Ricardo Fernández Carlés e Vicente López Novo– polos disparos das metralladoras.
A reconstrución da vida deste padronés foi posible grazas á investigación levada a cabo polo Grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela e do Cispac, a cuxo equipo o alcalde de Padrón lle transmitiu o seu agradecemento, “porque fai un traballo realmente útil que aumenta a nosa calidade democrática e achéganos á verdade dos feitos, o cal supón un verdadeiro exercicio de xustiza”.
Precisamente, no III Día da Memoria Democrática Padronesa tamén interveu Lucía Santiago Sanmiguel, investigadora de Histagra responsable de rescatar a historia do Barbarroxa a partir dos datos recompilados a través de fontes históricas e orais, que incluíron desde consultas a arquivos, causas militares e procesos xurídicos a entrevistas persoais e a recuperación de fotos antigas.
O alcalde de Padrón destacou que Manuel Agrasar Cajaraville “foi un home que se erixiu en defensa dos valores democráticos da República con valor. Un home que afrontou unha vida difícil nun contexto represivo extraordinario. Entendo que a familia durante moito tempo puido vivir angustiada sobre todo por medo a represalias ou a ser sinalados. Afortunadamente ese medo carece xa de sentido. Sirva o día de hoxe para devolver a honra a Barbarroxa, que nunca a perdeu, senón que lla negaron”.
“Un perdón que chega moi tarde, pero que non por iso deixa de ser necesario”
Anxo Arca engadiu que, “como alcalde, como representante dunha administración pública deste Estado que durante 40 anos viviu baixo o xugo da ditadura franquista, quero pedir perdón en nome do Concello de Padrón, en nome das institucións públicas que compoñen este Estado, polo sufrimento causado a Manuel Agrasar e á súa familia. Un perdón que chega tarde. Moi tarde. Pero que non por iso deixa de ser necesario”, subliñou.
Ademais, o rexedor reafirmou que a vila de Padrón “seguirá camiñando cara a verdade, afondando no coñecemento do noso pasado sen vergonza, sen medo, co apoio e a implicación do Concello e do Estado. Retirando as simboloxía fascista, creando novos espazos de memoria como estamos a facer na Azucreira coa axuda da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, e fomentando unha cultura de paz e entendemento dende o coñecemento da realidade. Porque cremos na democracia. Porque queremos amosar o noso agradecemento con feitos a todas as persoas que correron riscos e padeceron a represión para que hoxe nós poidamos sentir, ser e vivir en liberdade”, concluíu.
O acto contou coa emotiva intervención musical do dúo de guitarras formado por Fernando Briones e David Ferreiro, que interpretaron pezas icónicas como Para la libertad, de Joan Manuel Serrat, Al Alba, de Luis Eduardo Aute, ou Libertad sin ira, de Jarcha.
A homenaxe deste ano chega despois dos traballos de estudo e exhumación realizados no cemiterio de Santa María de Luou (Teo) polo grupo de investigación Histagra, que permitiron recuperar os restos de catro guerrilleiros da resistencia antifranquista, entre os que poderían estar os de Manuel Agrasar.
O Día da Memoria Democrática Padronesa, impulsado polo Concello en 2024, naceu coa vontade de recoñecer ás persoas que sufriron a represión franquista e contribuír á recuperación da memoria histórica da vila.
O Concello de Padrón agradece a participación e implicación da veciñanza e reafirma o seu compromiso coa recuperación da memoria, a dignificación das vítimas e a construción dunha sociedade xusta, libre e democrática.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)