Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 noviembre, 2025
Martes, 18 de novembro de 2025. A Concellaría de Turismo, Promoción Económica e Acción Urbana do Concello de Arzúa, que coordina Begoña Balado, avanza na preparación da 13ª edición do Día do Comercio Local, que terá lugar do 6 ao 8 de decembro.
Unha vez pechadas as inscricións, 35 establecementos confirmaron a súa participación nesta cita, consolidando así o bo nivel de resposta do comercio arzuán a unha proposta que busca impulsar as compras na vila e fortalecer o sector.
Durante eses días, haberá descontos importantes —nalgúns casos de ata o 50%—, ademais de sorteos, agasallos e promocións especiais en locais de múltiples sectores, desde moda e calzado ata librarías ou xoierías. A oferta completarase cunha variada ruta de tapas, que convidará a percorrer a hostalaría local.
A coincidencia coa feira quincenal e co inicio da campaña de Nadal servirá tamén para dinamizar as rúas, nas que o Concello organizará actividades gratuítas destinadas a públicos de todas as idades, co obxectivo de reforzar o ambiente festivo e estimular o comercio de proximidade.
A información detallada do programa divulgarase este xoves, 20 de novembro, nunha reunión prevista ás 20:30 horas na Capela da Madanela. As persoas responsables dos negocios inscritos están convocadas a este encontro, no que se presentará a programación completa, entregarase o material promocional e explicaranse as novidades desta edición, ademais doutras accións municipais vinculadas ao impulso comercial. O Concello anima aos participantes a asistir para coñecer todos os detalles de primeira man.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)