AD

Actualidad

O Día do Traxe Galego cumpre 45 edicións de posta en valor da indumentaria tradicional

today16 julio, 2024

Fondo
share close
AD

16/07/2024 Esta mañá presentouse no Pazo de Raxoi o programa da 45 edición do Día do Traxe Galego, unha cita que vai unida dende hai décadas ás festas do Apóstolo, e que este ano terá lugar o vindeiro domingo 21 de xullo con desfiles, exhibicións e o tradicional certame.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada pola presidenta e o vicepresidente da Asociación do Traxe Galego, Consuelo Vázquez e Aurelio Gianzo; e Eva Calvo, do departamento de comunicación e RRII de El Corte Inglés Santiago; presentou esta mañá a 45 edición do Día do Traxe Galego que este ano se celebrará o domingo 21 de xullo. Organizada pola Asociación do Traxe Galego, esta xornada conta co apoio do Concello de Santiago e co patrocinio de El Corte Inglés e Fixagal.

Na rolda de prensa, Pilar Lueiro fixo un chamamento a toda a veciñanza «para que se animen e se vistan con traxes tradicionais», e «aos que non teñen o traxe completo, que ese día saian a dar unha volta, a tomar algo, gozar coa ruada e leven algunha peza do traxe como un chapeu, un pano, uns pendentes…» co propósito de «encher de alegría e de cor as rúas» e «tamén facer partícipes os máis pequenos da casa».

Programa da mañá

A xornada arrancará ás 11:30 horas coa concentración dos participantes para o desfile matinal na entrada da Alameda de Santiago que se iniciará ás 12:00 h facendo o seguinte percorrido polas rúas da zona monumental: Porta Faxeira, rúa do Vilar, praza de Praterías (cunha parada para a actuación dos grupos de gaiteiros e de pandereteiros/as da ATG), rúa da Conga, praza de Feixóo, rúa do Preguntoiro e chegada á praza de Cervantes, onde se fará outra parada. A continuación, a comitiva sairá cara á Igrexa de San Paio de Antealtares para celebrar ás 13:00 h a tradicional misa e ofrenda floral. Ao finalizar a misa, os participantes faranse unha foto conxunta nas escadas da praza da Quintana.

Programa da tarde

Ás 14:00 h terá lugar una recepción municipal de autoridades no Pazo de Raxoi, que estará seguido polo popular «Certame de Traxes Tradicionais» no Museo do Pobo Galego, onde os participantes nas diferentes catergorías, serán avaliados polo xurado, con posterior sesión fotográfica no Claustro do Museo. Ás 19:00 h, da rúa de Bonaval sairá o desfile coas persoas participantes no certame e todas as de persoas que desexen participar nel ataviadas cos traxes tradicionais e acompañadas polo grupo de gaiteiros.

O percorrido será o seguinte: rúa de Bonaval, Casas Reais, praza de Cervantes, rúa do Preguntoiro, rúa da Conga e entrará na praza da Quintana pola rampla entre San Paio e a Casa da Conga, continuando o desfile no interior da praza da Quintana, onde ás 19:30 h terá lugar a exhibición dos traxes presentados ao certame e o posterior acto de entrega de premios ás persoas gañadoras.

XLV Concurso do Traxe Galego

Establécense tres categorías principais: traxes de home, traxes de muller e grupos de dez ou máis persoas. Dentro de cada unha delas poderase participar nunha única das dúas subcategorías: traxe antigo (completo ou pezas) ou traxe moderno (de gala ou de cotío).

As persoas interesadas poderán inscribirse no concurso ata o 18 de xullo. Para máis información, pódense consultar as bases do concurso e as normas de participación ao final da noticia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%