AD

Actualidad

O Entroido chega esta fin de semana a Santiago

today6 septiembre, 2024

Background
share close
AD

O día 7 de setembro haberá unha posibilidade única de admirar a variedade e a autenticidade dos Entroidos Tradicionais de Galicia. A cita é a partir do mediodía na Praza do Obradoiro para continuar polas principais rúas e prazas do centro histórico de Santiago de Compostela.

Sen ter que agardar ás datas do Entroido do próximo ano e sen ter que viaxar ata cada un dos concellos participantes. Unha ocasión excelente para poder gozar de cinco dos Entroidos declarados Festa de Interese Turístico (Cobres-Vilaboa, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia e Xenerais da Ulla) e outros once entroidos invitados, que nesta edición serán O Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada), as Bonitas de Sande (Cartelle), os Vellaróns de Riós, o Entroido de Samede (Paderne), os Galos da Mezquita (A Merca), os Follateiros de Lobios, os Madamitos e Madamitas de Entrimo, os Felos e Madamas de Esgos, os Mudados de Ribadetea (Ponteareas), o Fulión de Buxán (O Bolo) e o Entroido de Mugares (Toén).

Unha oportunidade única de ver os mellores Entroidos de Galicia ao mesmo tempo e nun único lugar. Todos xuntos e desfilando pola incomparable contorna de Santiago de Compostela. O desfile partirá ás 12:45 dende a Praza do Obradoiro e discorrerá pola zona monumental da cidade.

O punto de partida é a Praza do Obradoiro. Nesta praza e dende as 10:30 horas, Dj Mil e a Banda do Beat ambientará a espera cunha mestura de música tradicional galega e novos sons da World Music.

A hora de comezo do desfile é a unha menos cuarto para, dende o Obradoiro, percorrer as rúas de Fonseca e do Vilar, Praza e Cantón do Toural, rúas Nova e de Xelmírez, Cinco Rúas, Rúa do Preguntoiro, Praza de Cervantes, Rúa da Acibechería e Praza da Inmaculada, e rematar de novo na Praza do Obradoiro.

Lembra a túa cita: a mellor oportunidade para coñecer cigarróns, volantes, xenerais, pantallas, boteiros, felos, bonitas, galos, madamas e galáns e outras personaxes do Entroido que nos farán gozar dunha xornada chea de cor, música e diversión.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%