Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 febrero, 2024
Grande éxito de afluencia nas actividades do festival, organizado pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela. Poesía, escena, música, artesanía e narración oral inspiradas na figura de Rosalía para celebrar a potencia creadora na nosa lingua.
As rúas de Compostela enchéronse o pasado venres 23 e sábado 24 para celebrar o 187º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A Área de Lingua da Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, organizaron a sexta edición do Festival Rosalía, baixo o lema Un grande atrevemento, que reuniu poesía, escena, música, artesanía e narración oral ao redor da figura da nosa poeta máis senlleira para celebrar a potencia creadora na nosa lingua.
Como «un referente», «unha figura consciente» e «unha verdadeira revolución» definiron á insigne escritora galega a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín na apertura deste festival, convidando ao público a asistir á quincena de actividades conformaron a programación desta sexta edición do Festival Rosalía.
Un amplo programa con propostas para todos os públicos, desde obradoiros de maquillaxe rosaliana e contacontos para os e as máis pequenas da casa até un concerto de fin de festa coa presentación oficial do novo traballo de Loita Amada. Sen dúbida, foi un éxito o Quizz rosaliano con grande participación do público que ansiaba demostrar os seus coñecementos sobre a nosa autora referente.
Este festival non só buscaba celebrar a figura de Rosalía como referente para a cultura, para a lingua galega e para o feminismo, senón tamén pór en valor a diversidade e a calidade da creación artística en galego. Boa mostra disto foi a estrea do proxecto multidisciplinar Indóciles. Luisa Villalta a escena de man da narradora oral Vero Rilo, da música Mónica de Nut e da poeta e resitadora Nuria Vilán Prado (coñecida artisticamente como Nuria Vil), que presentaron o seu novo proxecto ante unha ateigada praza.
Éxito de afluencia no Festival Rosalía
Dúas xornadas de intensa actividade que, pese á choiva, conseguiron concentrar a centos de persoas na céntrica Praza de Mazarelos, para mercar nos 5 postos de inspiración rosaliana que conformaron a feira de artesanía. E tamén asistir aos máis de 15 espectáculos do programa desta edición co punto de mira na creación contemporánea ao redor da poesía, da música e das letras. Actividades que deron boa mostra de que a imaxe de Rosalía continúa a enriquecerse a medida que medra a nosa cultura.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)