Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Monbus Obradoiro presentaron unha campaña especial que terá lugar o 20 de novembro, destinada a fomentar o altruísta xesto da doazón de sangue entre os veciños e veciñas de Santiago de Compostela.
A campaña de doazón celebrarase o 20 de novembro na Praza Roxa de Santiago de Compostela, onde se instalará unha unidade móbil de ADOS, de 09:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas, para atender a todas as persoas que desexen doar sangue. Todas elas recibirán, como agasallo pola súa colaboración, unha entrada (ata esgotar existencias) cedida polo Monbus Obradoiro para o encontro que o equipo santiagués disputará o próximo domingo 1 de decembro fronte ao Grupo Alega Cantabria. Así mesmo, todas as persoas que doen sangue entrarán no sorteo dunha camiseta e un balón asinados polos xogadores do Monbus Obradoiro.
A directora de ADOS, Marisa López García, quixo agradecer ao Monbus Obradoiro a súa longa traxectoria de colaboración co solidario xesto da doazón e pediulle ao seu director xeral, Héctor Galán, que transmitise o recoñecemento polo seu compromiso altruísta a todos os membros da familia obradoirista.
A directora de ADOS destacou a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para acadar unha conciencia social favorable á doazón, como está a impulsar nesta ocasión o Monbus Obradoiro, que une os valores positivos do deporte á mensaxe de solidariedade que transmite a Axencia.
Pola súa banda, Héctor Galán amosouse moi contento de poder continuar con esta colaboración un ano máis e agradeceu a ADOS a súa colaboración e axuda para promover un acto social tan importante.
Tanto ADOS coma o Obradoiro incidiron na importancia de participar activamente nas campañas de doazón de sangue, convidando concretamente a todos os abonados a aportar o seu gran de area e doar o próximo mércores 20 de novembro.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)