AD

Actualidad

O Obradoiro consigue a súa cuarta vitoria consecutiva

today17 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD

Chegaba o momento de disputarse a última xornada da Primeira FEB antes da fiestra FIBA de novembro. O Caja Rural CB Zamora recibía o sábado pola tarde no Pavillón Ángel Nieto a un Monbus Obradoiro que non viña só, acompañábano máis de cen afeccionados desprazados desde Santiago ata terras castelán-leonesas.

Os galegos encaraban o partido despois de acadar catro vitorias consecutivas, tres en liga e unha en copa. Os zamoranos, pola súa banda, debían gañar para romper unha xeira de tres derrotas.

O partido comezaba cos locais adiantándose de tres no marcador, pero Brad Davison e Millán Jiménez respondían coa mesma moeda e poñían por diante aos seus (3-6). Cun tiro libre e outro triplo do rioxano, o Monbus Obradoiro comezaba a tomar distancia no marcador. A defensa obradoirista resistía ben os ataques zamoranos, que nesta primeira metade do encontro atacaban fronte ao muro formado pola afección visitante nun dos fondos da cancha. A distancia entre ambos equipos a metade do primeiro cuarto era de 9 puntos (7-16).

Os galegos atacaban sen piedade o aro rival e non deixaban de sumar números ao seu marcador. Os ánimos e apoios da súa afección, desde o primeiro minuto do partido, surtían efecto nos xogadores ao mesmo tempo que Álex Galán anotaba de tres para seguir aumentando as distancias (11-26). O final do primeiro cuarto chegaba con Toms Leimanis anotando no último segundo (15-34).

O seguinte cuarto comezaba con ambos equipos anotando de dous. Co pasar dos segundos, parecía que a intensidade anotadora diminuíra e, aos tres minutos do período, só se meteran tres canastras (17-38). Conforme corría o cronómetro, o ritmo era o mesmo e, a metade do cuarto, só subiran ao marcador catro puntos favorables aos de Santiago de Compostela.

Pouco antes de chegar ao descanso, o Monbus Obradoiro conseguía alcanzar a cifra dos 50 puntos. A boa defensa galega propiciara que o Caja Rural CB Zamora só anotase 6 puntos no segundo cuarto. O descanso chegaba á cancha do Pavillón Ángel Nieto cos visitantes superando en 29 ao seu rival e allanando o camiño cara á vitoria (21-50).

Os visitantes anotaban primeiro tras a reanudación do partido, pero os zamoranos víanse obrigados a recortar, pouco a pouco, as diferenzas no marcador. A diferenza inicial de 29 puntos ao comezo do terceiro cuarto reducíase a 25 cando pasaran os catro minutos de xogo.

O Monbus Obradoiro tentaba que o Caja Rural CB Zamora non se achegase máis no resultado. A afección local comezaba a presionar vendo que era un momento decisivo para os seus, pero os visitantes resistíanse a perder a vantaxe, ata tal punto que a distancia entre ambos equipos ao final do terceiro cuarto era de 28 puntos (43-71).

Últimos dez minutos de encontro e, aínda que a diferenza no marcador era considerable, os castelán-leoneses non ían darse por vencidos tan pronto. Toms Leimanis, de tres, facía que os visitantes se achegasen máis á vitoria por cada segundo que pasaba no cronómetro. A falta de cinco minutos para rematar o partido, o Monbus Obradoiro lograba unha distancia de 35 puntos (48-83).

Nos últimos intres do partido, xa estaba todo decidido. O Monbus Obradoiro levaba a vitoria a Santiago de Compostela e acadaba unha xeira de catro vitorias consecutivas en liga (60-90).

Ficha técnica

60 – Caja Rural CB Zamora: Jahvaughn Everald (4), Ondrej Hanzlik (6), Jacob Nathaniel Round (3), Junior Saintel (9), Zaid Christopher Hearst (10), Omar Kabir (0), Kresimir Nikic (0), Toni Naspler Peraire (8), Kevin Buckingham (8), Michael Drame Illidge (0), Jordan Anthony Michael Walker (4), Jonas Paukste (8).

90 – Monbus Obradoiro: Brad Davison (16), Victory Onuetu (2), Álex Galán (9), Alonso Grela (3), Strahinja Mićović (12), Millán Jiménez (14), Nacho Varela (3), Sergi Quintela (7), Pablo Harguindey (0), Jake Stephens (9), Oliver Stević (8), Toms Leimanis (7).

Cuartos: 15-34, 21-50, 43-71, 60-90.

Árbitros: Juan P. Morales Gª – Alcaide, Sandra Sánchez González, Miquel Remisa Tramuns.

Incidencias: Partido correspondente á oitava xornada da Primeira FEB disputado no Pavillón Ángel Nieto de Zamora o 16 de novembro de 2024.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%