Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 julio, 2024
O Concello de Ames está organizando para o martes, 23 de xullo, ás 20.00 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se lle fará un acto de recoñecemento ao deportista amesán, Borja Golán, que o pasado ano anunciou a súa retirada do deporte profesional. Entregaráselle a medalla do Concello de Ames en recoñecemento a súa carreira deportiva. Así foi acordado por unanimidade na Xunta de voceiros celebrada o pasado 14 de xuño.
Un ano máis o Concello de Ames celebrará un acto institucional co gallo do Día Nacional de Galicia. Neste caso, como soe ser habitual, escolleuse o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para organizar este acto que reúne a autoridades municipais, membros de asociacións e veciños/as de Ames. Dito acto terá lugar o martes, 23 de xullo, ás 20.00 horas. Será presentado pola actriz e creadora Carlota Mosquera.
Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que participarán os grupos políticos que forman parte da Corporación municipal. Dende o goberno e dende os partidos da oposición animan á veciñanza amesá a que asistan a este evento municipal. O acto abrirano a actriz e bailarina, Marta Alonso Tejada, e mailo grupo Mounqup, que ao longo do acto interpretarán varias pezas de danza con música en directo.
Durante o transcurso do acto intervirán o alcalde e mailas voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. Trala intervención do alcalde faráselle entrega da medalla do Concello de Ames ao deportista amesán, Borja Golán, que é considerado o mellor xogador da historia do squash español e chegou a ser top 5 do mundo en abril de 2014.
Borja Golán conta no seu palmarés con 17 campionatos de España e dous campionatos de Europa. Ademais, sumou 21 europeos consecutivos xogados con España desde 1999. Foi o primeiro xogador de fala hispana en meterse dentro do top 10 mundial (setembro de 2009) e chegou a ser top 5 do mundo en abril de 2014. Estivo imbatido en España durante 17 anos consecutivos (maio 2002- febreiro 2019).
Este acto institucional serve para renderlle homenaxe a Borja Golán, que únese a outros/as relevantes veciños/as e entidades de Ames que recibiron anteriormente a medalla do Concello de Ames como a Coral polifónica de Bugallido, María Victoria Otero Espinar, Ramón Lorenzo, Ángel Carracedo, Filomena Fraga e Maximino Viaño. O acto pecharase co himno galego, que será interpretado polo grupo Mounqup.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)