Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 septiembre, 2026
O Concello do Pino celebrará o domingo 20 de setembro a vixésimo primeira edición da Carreira Pedestre Popular, unha cita deportiva aberta a atletas de diferentes idades que volverá ter a saída e a meta na praza de Forcarei, en Arca.
A primeira saída darase ás 10.00 horas e corresponderá á categoría absoluta, cuxas persoas participantes deberán completar un percorrido de oito quilómetros. As seguintes probas desenvolveranse de maneira consecutiva ata as 12.10 horas, cando tomarán a saída as nenas e os nenos menores de seis anos, que percorrerán uns 340 metros.
Organizada polo Concello do Pino baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, a proba forma parte do XII Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.
A inscrición deberá facerse na web carreirasgalegas.com (neste enlace) antes das 23.59 horas do mércores 16 de setembro. Será gratuíta para categorías escolares (de Sub-6 a Sub-18) mentres que nas categorías de adultos (de Sub-20 a máster) deberán aboar 5 euros. A recollida de dorsais será na secretaría técnica (situada na praza de Forcarei) ata 30 minutos antes da saída. O regulamento da proba pódese consultar na mesma paxina web da inscrición (neste enlace).
Na XXI Carreira Pedestre Popular do Pino poderán participar atletas federados e non federados, cunha única clasificación conxunta. O control das diferentes probas estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
A diversidade de distancias e categorías permitirá que persoas de todas as idades formen parte da xornada, desde atletas adultos ata as nenas e os nenos que darán os seus primeiros pasos neste tipo de competicións.
Trofeos e medallas
O Concello do Pino entregará trofeos aos tres primeiros e ás tres primeiras persoas clasificadas das diferentes categorías, agás na Sub-6, na que non haberá clasificación nin premios.
Tamén recibirán un trofeo o primeiro e a primeira atleta local, empadroados no concello do Pino, das categorías escolares comprendidas entre Sub-8 e Sub-18. Os trofeos non serán acumulativos, salvo os correspondentes ás e aos atletas locais.
Todas as persoas participantes nas categorías escolares comprendidas entre Sub-6 e Sub-12 recibirán unha medalla como recoñecemento á súa participación.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)