Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Pino. 29-5-2024.- O Concello do Pino abriu o prazo de inscrición para Lecer Verán, que na súa edición de 2024 ofrece 90 prazas en xullo, 70 en agosto e 50 en xuño e setembro, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares de verán. Este programa está destinado a nenos e nenas de 3 a 12 anos e desenvolverase en seis quendas desde o 24 de xuño ata o 10 de setembro. As solicitudes para as tres primeiras quendas, de xuño a xullo, poden presentarse ata o 17 de xuño; mentres que o prazo para anotarse nas quendas de agosto e setembro finaliza o 19 de xullo.
Lecer Verán 2024 estrutúrase en seis quendas, adaptándose ao calendario escolar: do 24 ao 30 de xuño, a primeira quincena de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 15 de agosto, a segunda quincena de agosto e, finalmente, do 1 ao 10 de setembro. As actividades levaranse a cabo no pavillón municipal de Reboredo e nos exteriores do CPI Camiño de Santiago, de luns a venres en horario de 8.00 a 15.00 horas, excepto nos días festivos, nos que non haberá servizo.
Os prezos de Lecer Verán son de 20 euros por quincena en xullo e agosto (40€ por mes completo) e de 10 euros nas quendas de xuño e setembro. As familias numerosas gozarán dun desconto do 20% a partir do segundo fillo, presentando o correspondente título de familia numerosa. Tamén as familias monoparentais terán un desconto do 20%, achegando o certificado de monoparentalidade.
O prazo para inscribirse nas tres primeiras quendas de Lecer Verán 2024 (xuño e dúas quincenas de xullo) finaliza o 17 de xuño, mentres que para as dúas quendas de agosto e a de setembro o prazo esténdese ata o 19 de xullo. A solicitude de admisión pode descargarse na páxina web municipal ou recollela nas oficinas do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas. Unha vez cuberta, a ficha de inscrición debe presentarse na sede electrónica ou directamente no Concello, acompañada da instancia que tamén está dispoñible na web municipal e da documentación requirida segundo as bases.
Se o número de solicitudes supera a oferta de prazas, aplicarase a seguinte orde de prioridade: estar empadroado no Concello cun mínimo de tres meses de antigüidade; valoración técnica dos Servizos Sociais en casos especiais; ser familia monoparental ou monomarental; menores escolarizados no Concello do Pino; que o pai, nai ou titor/a legal traballe no municipio; e participantes que estean pasando as súas vacacións no Pino. Os solicitantes non admitidos entrarán nunha lista de agarda. No caso de irmáns que soliciten a mesma quenda, a admisión dun implicará a admisión dos demais.
As cotas deberán aboarse unha vez confirmada a praza, despois da publicación das listaxes de admitidos no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello. Na listaxe indicarase a cantidade a pagar e as datas de asistencia. Unha vez realizado o pago en ABANCA ES70 2080 0337 1131 1000 0078, deberá presentarse o xustificante nas oficinas do Concello ou a través da sede electrónica antes do 20 de xuño para as quendas de xuño e xullo e do 26 de xullo para as quendas de agosto e setembro.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)