AD

Comarca

O pleno de Ames dá luz verde aos pregos do futuro centro deportivo con piscina do Milladoiro

today25 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD
  • A Corporación municipal aprobou por maioría absoluta o expediente de licitación do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira
  • Ademais, aprobouse a ratificación do decreto da sexta prórroga da concesión administrativa da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; a revisión do IPC de xullo de 2025 a xullo de 2026 e a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira; e a ratificación do acordo de aprobación do proxecto de execución das obras para a construción do mercado municipal de abastos
  • O grupo municipal do BNG presentou dúas mocións. A primeira de apoio á transferencia e á gratuidade da autoestrada AP-9 foi aprobada, mentes que a segunda sobre o nome escollido pola Xunta de Galicia para o novo colexio do Milladoiro foi rexeitada

Ames, 25 de setembro de 2026.- A Corporación municipal aprobou por maioría absoluta o expediente de licitación do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira. Ademais, aprobouse a ratificación do decreto da sexta prórroga da concesión administrativa da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; a revisión do IPC de xullo de 2025 a xullo de 2026 e a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira; e a ratificación do acordo de aprobación do proxecto de execución das obras para a construción do mercado municipal de abastos. O grupo municipal do BNG presentou dúas mocións. A primeira de apoio á transferencia e á gratuidade da autoestrada AP-9 foi aprobada, mentes que a segunda sobre o nome escollido pola Xunta de Galicia para o novo colexio do Milladoiro foi rexeitada. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.

O pleno ordinario de setembro, celebrado este pasado xoves 24 de setembro, comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 146 decretos, do 2736 ao 2881. Neste apartado tamén se deu conta de tres actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao mes de setembro.

Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi a acta da sesión ordinaria do mes de agosto celebrada o pasado 10 de setembro de 2026. A continuación, debateuse sobre a ratificación do decreto da sexta prórroga de concesión administrativa da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira, ata a adxudicación do contrato da nova concesión do complexo deportivo ou polo prazo máximo de 2 anos. Dita prórroga foi aprobada co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común. Os/as edís do BNG abstivéronse. A prórroga terá unha duración máxima de 2 anos, ata 9 de setembro dde 2028, ou ata a adxudicación do novo contrato de concesión que se atopa en tramitación.

Revisión IPC xullo 2025- xullo 2026 e modificación da ordenanza

Por outra banda, tamén relacionado co centro deportivo municipal A Telleira, a Corporación municipal debateu sobre a revisión do IPC de xullo de 2025 a xullo de 2026, e a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira.

Deste xeito, a Corporación municipal aprobou a revisión do prezo do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. O incremento cuantificase no 4,1% e resulta do calculo do IPC galego tomando como referencia os períodos de xullo 2025 a xullo 2026, e terá efectos dende 1 de xaneiro de 2027. Este punto foi aprobado co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. Os/as edís do BNG votaron en contra e a concelleira de Espazo Común abstívose.

Tamén se abordou a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. A finalidade desta modificación da ordenanza é a aplicación do IPC acumulado galego de xullo de 2025 a xullo de 2026, que ascende ao 4,1%, en cumprimento do previsto na cláusula 22 dos pregos de licitación que forman parte do contrato asinado. Este punto tamén foi aprobado co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. Os/as edís do BNG e Espazo Común votaron en contra.
Mercado municipal de abastos

De seguido, abordouse a ratificación do acordo da Xunta de Goberno Local do pasado 13 de agosto de 2026, polo que se aprobou o proxecto de execución das obras para a construción do mercado municipal de abastos en Bertamiráns, cofinanciado pola Unión Europea a través do fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER), dentro do programa operativo plurirrexional de España POPE 2021-2027 e do plan EDIL Conecta Ames. O proxecto ten un orzamento de execución por contrata de 3.293.003,90 euros (IVE incluído).

Este punto foi aprobado por unanimidade e haberá que comunicar este acordo á Deputación Provincial da Coruña, a efectos de darlle cumprimento ao requirimento feito, para dar cumprimento ao previsto no artigo 18.1.c) da Ordenanza Xeral de Subvencións e Transferencias da Deputación Provincial da Coruña.

Instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira

Unha vez rematada a parte resolutiva da orde do día, presentouse por vía de urxencia, a aprobación do expediente de licitación do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, foi a encargada de expoñer este punto e presentou a aprobación das bases reguladoras polas que se aprobará a licitación da concesión das instalacións deportivas do Milladoiro e A Telleira. Destacou que se trata dun proxecto de anos de traballo e preparación, e que ten como obxectivo facer posible unha infraestrutura que O Milladoiro leva moito tempo demandando, como é un centro deportivo con piscina cuberta. A concelleira lembrou que este punto estaba previsto para o pleno de xullo, e foi retirado para estudar as consideracións formuladas polos grupos do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego. Sinalou que este traballo permitiu revisar e incorporar as cuestións relativas ás tarifas, ao uso do galego, ás actividades, aos cursos de preparación ao parto e ao aparcamento.

Recalcou que o que onte se presentou foron uns pregos revisados que establecen as regras de licitación. Explicou que o procedemento será aberto, de tramitación ordinaria e suxeito a regularización harmonizada. Así, a concesión terá unha duración de 35 anos e o valor estimado do contrato será de 154.284.875 euros, unha cifra que corresponde o conxunto da concesión durante a súa duración, e non ao custo da construción do centro do Milladoiro, aclarou.

O procedemento terá tres fases: a presentación dos proxectos, que serán tres meses; a execución das obras do Milladoiro, explotación da Telleira e obras na Telleira, que serán 20 meses; e finalmente a explotación conxunta das dúas explotacións. No tocante ás tarifas, estas revisaranse para adaptalas a estas fases. Durante as construcións do Milladoiro, aplicaranse as tarifas correspondente ás da Telleira, e unha vez aberta a nova instalación, entrarían en funcionamento as tarifas de uso conxunto.

“Creo que é importante lembrar de onde vimos. Este proxecto leva anos de traballo, estudo de viabilidade, revisión económica, de proxectos, exposicións públicas, estruturas de custos, fórmulas de revisión de prezos e diferentes informes que compoñen o expediente. Hoxe non aprobamos a adxudicación do contrato, aprobamos as regras polas que se desenvolverá a licitación”, sinalou Susana Señorís.

Por último, Señorís dixo “son uns pregos modificados que recollen a maioría das súas peticións. Este goberno leva anos traballando para facer realidade esta infraestrutura e hoxe damos un paso decisivo para poder licitala. Se aprobamos estes pregos poderemos iniciar o procedemento para que as empresas presenten as súas ofertas e avanzar cara a construción do centro deportivo do Milladoiro e a mellora do centro deportivo da Telleira”.

Intervención dos grupos da oposición

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “non consideramos que quede acreditada a urxencia e a inclusión deste punto na orde do día, tendo en conta que é un expediente que levamos catro anos esperando por el. A maioría da documentación enviouse hai dous días e hoxe aínda recibimos máis documentación. Desde Espazo Común tamén temos que dicir que a veciñanza levamos moitos anos reclamando unha instalación deportiva destas características para O Milladoiro, queremos que se faga e por iso un expediente desta complexidade tense que estudar con rigor e para iso necesitase tempo. O expediente que nos piden que valoremos e que votemos hoxe non é o mesmo que o que recibimos no mes de xullo, porque incorpóranse novos documentos como un informe sobre o impacto económico da variación da TIR e unha addenda ao estudo de viabilidade. Tamén se inclúen cambios nas condicións das actividades dirixidas e nas horas que deben ofrecerse. Estamos a decidir como se van xestionar instalacións deportivas durante décadas, que tarifas pagará a veciñanza e que servizos terán garantidos. Polo tanto, solicito que este punto quede enriba da mesa e que se trate nunha sesión convocada con tempo suficiente para poder estudar a documentación completa e actualizada e para aclarar dúbidas que nos xurdiron”.

A voceira do BNG, Escarlata Pampín, explicou “estamos falando dun expediente que leva anos de traballo e por iso queremos expresar o noso profundo desacordo coa decisión deste goberno de traer este punto por vía de urxencia. Isto o que amosa é unha falta de planificación, organización e transparencia. Dito isto, queremos agradecer que se tiveran en conta as achegas feitas polo noso grupo aos pregoas provisionais trasladados no mes de xullo e que se tivera en conta a obriga para o adxudicatario do uso da lingua galega. Tamén fixemos achegas relativas ás prazas de aparcamento e ás actividades dirixidas incluídas nos abonos das instalación, cuestións que foron tidas en conta por parte da concelleira de Deportes. Por último, tamén nos alegramos de que se incluíse, tal e como solicitamos, as clases de preparación ao parto gratuítas para as abonadas. Todas as persoas que formamos parte desta Corporación municipal coincidimos en que O Milladoiro merece unha piscina e un centro deportivo municipal. O que hai que ter en conta é que un servizo público non se mide só porque exista, senón por como se presta, canto custa, onde se empraza, por quen o xestiona e polo beneficio real que lle achega á veciñanza”.

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, comezou cualificando este expediente como “especialmente importante” para o futuro das instalacións deportivas do concello de Ames. Lembrou que este punto estaba previsto para o pleno de hai uns meses, cando o Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego presentaron un escrito no que se solicitaban aclaracións e revisións sobres diferentes aspectos dos pregos. Sinalou que entre estas dúbidas, destaca o réxime económico que rexería sobre as tarifas a pagar os veciños e veciñas de Ames. Puntualizou que na redacción anterior expoñíase que as tarifas polo uso das instalacións da Telleira teríanse incrementado, de media, máis dun 20%, unha vez se adxudicase o contrato, sin que se iniciase ningunha obra.

Ante isto, expresou que dende o grupo popular consideran que as tarifas vixentes actualmente deberían de ser as de aplicación mentres non se executen as obras de construción das novas instalacións e ampliación destas infraestruturas. Máis aló desta cuestión, Oliva Agra puxo o foco no que este proxecto significa para a veciñanza do concello de Ames. “Estamos falando dunha actuación de enorme importancia para O Milladoiro e Bertamiráns, dous dos principais núcleos do noso concello, e que precisan contar con instalacións deportivas modernas, adecuadas, e á altura da súa poboación. Ademais, no caso do Milladoiro estamos a falar dunha vella demanda por parte dos veciños e veciñas”, sinalou.

Intervención do alcalde e votación

O alcalde, Blas García, dixo “aquí ninguén dou unha proposta alternativa. Eu penso que este proxecto canto máis se atrase mellor vai para vostedes, pero peor para os veciños. Aquí só houbo un proceso para facer achegas e recolléronse as achegas feitas polo BNG e polo Partido Popular. Agora estamos nunha situación na cal estamos a favor de que se licite ou estamos en contra. Co cal se estamos a favor os veciños do Milladoiro poderán ter, nun prazo determinado de tempo, un complexo deportivo cunha piscina, e os usuarios de Bertamiráns da Telleira poderán ter un centro máis amplo e máis cómodo para facer actividades. Os que voten en contra non están de acordo con este proxecto, e polo tanto non están de acordo con que se faga un complexo deportivo no Milladoiro”.

Primeiro votouse a proposta de Espazo Común de deixar este punto enriba da mesa. Isto foi rexeitado co voto en contra dos/as concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. Os/as edís de Espazo Común e BNG votaron a favor de deixalo enriba da mesa.

De seguido, votouse este punto que saíu aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. Votaron en contra os/as edís do BNG e a concelleira de Espazo Común abstívose.

Apartado de mocións

Por último, abordaranse dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG. A primeira de apoio á transferencia e á gratuidade da autoestrada AP-9, que foi aprobada co voto a favor dos/as concelleiros/as do BNG, PSdeG-PSOE e Espazo Común. Os/as edís do Partido Popular votaron en contra.

A segunda moción sobre o nome escollido pola Xunta de Galicia para o novo colexio do Milladoiro (CEIP Gerardo Fernández Albor) foi rexeitada co voto en contra dos/as concelleiros/as do Partido Popular. Votaron a favor desta segunda moción os/as edís do BNG e Espazo Común, e abstivéronse os/as concelleiros/as do PSdeG-PSOE.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *