Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 septiembre, 2025
A Estrada, 9 de setembro de 2025.- No día despois de que o Consello da Xunta dese un paso decisivo cara a ampliación pública do polígono industrial de Toedo, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, confirmou o interese que tanto dende o Concello da Estrada como dende a Xunta de Galicia se está constatando para o asentamento nas novas parcelas proxectadas no principal parque empresarial deste municipio. “Hai demanda no Concello e hai tamén preguntas na Consellería de Economía, polo que é un dos polígonos estratéxicos para o goberno galego”, apuntou o rexedor, aliñándose coas declaracións nas que o propio presidente autonómico, Alfonso Rueda, recoñecía este mesmo interese empresarial na Estrada.
“Esa demanda de solo no noso concello foi escoitada reforzando eixos fundamentais: por un lado as comunicacións e, por outro, novas ofertas laborais a través da ampliación pública da superficie industrial, dúas oportunidades para o asentamento de poboación que invitan a traballar na creación de vivenda, por iniciativa pública e privada”, continuou. “Para que haxa demanda de vivenda ten que haber oferta laboral”, sintetizou Louzao Dono, que puxo o acento no carácter estratéxico de planificar a ampliación do polígono de Toedo situando ao seu pé a chegada dunha autovía libre de peaxe que conectará A Estrada de xeito moi áxil coa capital galega, un aeroporto e unha estación de tren.
Tras sinalar que a ampliación promovida por la sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur) suporá que o polígono de Toedo medre en máis dun 80%, o xefe do executivo local fixo fincapé en que este proxecto “é un piar estratéxico para esa A Estrada das oportunidades da que falamos e temos que celebrar que a ampliación deste polígono industrial vai dando os seus pasos”. “É a colmatación a un proceso de competitividade de todos os concellos e é a forma de dotar ao municipio estradense das ferramentas para que o crecemento da nosa capacidade industrial e laboral sexa o axeitado”, afirmou Louzao.
O rexedor asumiu que son moitos os territorios e as demandas, polo que quixo poñer en valor a aposta e a planificación que se está facendo na Estrada, contemplando un orzamento de 13 millóns de euros para impulsar a expansión pública deste parque empresarial. Con esta nova fase de 157.000 metros cadrados o polígono acadará unha superficie total de 347.239.
Plan Estruturante
O Consello da Xunta tomou este luns razón da aprobación inicial do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE) para a segunda ampliación do parque empresarial de Toedo. Coa iniciativa de expandir este polígono, o goberno galego atende a demanda da comarca de Tabeirós-Terra de Montes de contar con máis solo empresarial para impulsar a implantación de novas industrias na zona e para que as empresas que xa están alí implantadas poidan aumentar as súas capacidades produtivas.
Esta actuación enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia de crear un tecido empresarial forte e competitivo, dotándoo de máis solo empresarial e coa base nun modelo de desenvolvemento industrial ordenado, eficiente e respectuoso co medio ambiente, que atraia investimentos, favoreza a creación de emprego e garanta o equilibrio territorial.
Escrito por Líder Redacción
today8 septiembre, 2025 2
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)